sábado, 18 de novembro de 2000

Entrevista de Yolanda García sobre a Marcha Mundial das Mulheres do 2000 em Wáshington e Nova York

-En Nova York sentinme moi libre-
YOLANDA GARCÍA - A ENTREVISTA
Lupe Ces, representante galega na Marcha Mundial das Mulleres que se celebrou en EE UU Lupe Ces foi a «embaixadora» galega na Marcha Mundial das Mulleres. A mediados de outubro puxo rumbo ás Américas e a súa viaxe nada tiña que ver cos miles que realizaron os seus paisanos emigrantes. Nesta ocasión puña pé en Wáshington e Nova York para sumarse á voz mundial contra a pobreza e a violencia de xénero. Antonte relataba na Zaranda a súa apaixonante experiencia. Atopáronse mulleres de todo o mundo pero «a linguaxe, a problemática e os obxectivos eran os mesmos», di.

Lupe Ces explicou antonte á noite a súa experiencia na sala A Zaranda (Burela) E.G.

Lupe Ces, membro da coordinadora de Abrandares Nacionalistas Galegas e mestra foi, explica, "a única representante galega entre 200 mulleres de 159 países, en nome da Coordinadora Galega. Entrevistámonos co Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional, acudimos á manifestación en Nova York onde recollemos catro millóns de firmas e falamos coa secretaria xeral en funcións da ONU pois Kofi Annan non puido atendernos".

_Foi un acto importante.

_O importante foi atopar tantas mulleres do mundo, de paises poderosos e pobres... Pero a lingua, a problemática e os obxectivos, loitar contra a pobreza e a violencia de xénero, eran os mesmos.

_E unha galega alí.

_Si, foi un xeito de organizarse moi democrática.

_E emocionante.

_Houbo moita emoción pois había mulleres de países que están en conflito armado.

No acto na Zaranda, Lupe Ces recorda que aquel foi un paso para intentar «cambiar o mundo» e fixa na súa retina a imaxe das mulleres africanas cheas de cor «grandes e fortes» e a anécdota dunha muller «moi pequeniña de Afganistán»: "Co veo que lle obriga a levar o poder talibán dixo 'Estou cometendo un delito segundo o meu país porque hoxe non vingo acompañada do meu marido e agora vou cometer outro', dixo quitándose o veo". Lupe relata, finalmente, que "como muller galega, sentinme na Marcha Mundial bastante libre".

Publicada em " La Voz de Galicia " -A Mariña - 17 de novembro do 2000
_________________________
--> Leer más...

terça-feira, 14 de novembro de 2000

Entrevista de Rosa Aneiros en Tempos Novos: "Agora é cando comezamos a marchar" - Novembro de 2000

Rosa Aneiros -Tempos Novos-

"Agora é cando comezamos a marchar"

[13/11/2000 12:57] Lupe Ces Rioboo ten ollada rebuldeira e mans curtidas de quen calceta con horas de sono e innumerables reunións un pensamento anticapitalista e feminista que algúns cualificarían de utópico a estas alturas de século. Ela acudiu a Estados Unidos como representante da Coordenadora Nacional Galega na delegación política internacional da Marcha Mundial da Muller 2000, formada polas máis de duascentas mulleres que se reuniron o día 16 de outubro en Nova York cos líderes do F.M.I., B.M. e ONU. Rosa Aneiros entrevístaa para Tempos neste mes que dedicamos ás reivindicacións da muller galega, tan a miúdo silenciadas.

Se a Fedération des Femmes du Québec constituiu a agulla que enfiou o feminismo mundial, ela bordou o branco, azul e vermello no gran tecido do movemento feminista planetario con agulla de terra abandonada e mar sangrante arrastrada dende esta beira do Atlántico. Mestra, nai, militante de Mulleres Nacionalistas Galegas dende o momento da súa fundación en 1986 e unha das súas máis activas compoñentes, Lupe Ces é, ante todo, muller. Lupe di que cando na ringleira humana que carrexaba as cartas de apoio en Nova York sentiu sobre a súa cabeza os paquetes coas sinaturas das galegas, perfectamente sinalizadas, o corazón deulle un chimpo. Como llo deu cando a muller afgana quitou o veo ante a ONU ou a de Serbia reclamou o seu dereito a un cacho de terras sen minas. Ela levaba á Marcha Mundial da Muller a mensaxe das mariñeiras, das emigrantes, das labregas, das estudiantes... a reivindicación das galegas todas e como tal actuou, facéndose escoitar nos grandes centros do poder mundial onde os rañaceos nunca tanxen o paraíso.

-A túa presencia en Nova York tivo un gran significado como representante das mulleres galegas cando cáseque tódalas integrantes da Delegación Política Internacional ían como coordenadoras de Estados.

-Si o tivo e moito pero había máis mulleres de pobos sen estado como as do Kurdistán, Palestina, Chipre e as propias organizadoras, as mulleres do Québec. Nembargantes, despois de ver tódalas posibilidades organizativas que teñen, como se moven para organizar un evento de tales características, cáseque poderiamos referinos ás do Québec como as do primeiro estado matriarcal do mundo e non dunha nación sen estado. O poder de convocatoria, o poder para abrir as portas a nivel internacional ó movemento de mulleres foi realmente espectacular. Hoxe son en realidade as líderes do movemento feminista mundial e como tales quedaron corroboradas na marcha.

-De feito, a idea da marcha xurdiu delas

-A Marcha comezou trala celebración da Marcha das Mulleres contra a Pobreza en 1995. Organizouna a Fedération des Femmes du Québec, unha organización na que están moitos colectivos feministas e incluso mulleres a título individual como participantes. Unha muller do Senegal definiuno moi ben o día da avaliación final. Ela dixo que as mulleres do Québec foran a agulla que conseguira enfiar o fío para tecer o novo movemento feminista mundial. O feito de pertenceren a una nación sen estado non foi dende logo un atranco para eles á hora de teren una presencia mundial.

- ¿Cantas mulleres erades nas Marchas de Washington e Nova York? En Bruxelas houbo quen falou de cen mil mulleres?

-Sei que eran 20.000 en Washington e máis aínda en Nova York pero non che podo falar de cifras. Aparte, as cifras non son tan significativas senón a presencia efectiva alí de mulleres de todo o mundo. Había mulleres asiáticas, sudamericanas, africanas, australianas, europeas.... mulleres indíxenas, do mundo máis e menos desenvolvido, de manifestacións absolutamente dispares, na maneira de vestir, de falar, mesmo de elaborar as faixas das consignas. Dende as máis occidentais ós bastidores das africanas, ós vestidos bordados a man das africanas, ós telares das do Nepal. Coido que a verdadeira forza estaba aí, en que representabamos as mulleres de absolutamente todo o mundo. Foron manifestacións masivas e cheas de colorido. En Nova York, as mulleres da delegación política levamos as sinaturas de apoio, máis de catro millóns e medio de todo o mundo. Daquela foi moi emocionante porque a min tocáronme varias caixas galegas.

-Ademais das concentracións, a delegación política internacional reuniuse cos representantes do F.M.I. o B.M. e a ONU

- A compañeira que representaba a Colombia referiase a estas institucións como templos do poder patriarcal no mundo. Ela valoraba que poder entrar alí, nos seus templos e denunciar cara a cara a situación lamentable da muller no mundo era unha pisada fundamental. Que a nosa voz empezase a facer tremar as paredes deses templos para nós foi un adianto básico.

En primeiro lugar tivemos unha entrevista con sr. James Wolfensohn, presidente do Banco Mundial. Nós fómoslle dicir claramente e sen reviravoltas que eles son os culpables da situación de pobreza e desigualdade do mundo. Fomos recibidas na entrevista cun ton claramente paternalista e chegou a dicirnos que non coñeciamos os programas do B.M., que non os liamos con espírito constructivo.

-¿E cales foron as reivindicacións que lle formulastes?

Unha a unha das compañeiras que tomaron a palabra ían analizando as consecuencias que teñen as súas liñas programáticas e as perversas e devastadoras consecuencias da súa política neoliberal. E deixámoslles claras as nosas reivindicacións: anulación da débeda ós países menos desenvolvidos, a paralización total dos programas de reaxuste estructural, unha nova elaboración da política económica mundial tendo en conta a visión de xénero e un apoio económico mundial real ás mulleres para garantir a súa calidade de vida. Este señor, ademais de dicirnos que non tiñamos nin idea, que non coñeciamos os programas (referíndose claro está a estes pequenos programas colaterais de axudas a algúns países), indignouse porque estiveramos cuestionando a política económica mundial.

- Profundo desacordo de pareceres, entón...

Pareceulle unha inmoralidade horrible que non foramos pedir unhas migallas nin unhas pequenos programas de axuda senón cuestionar de arriba a baixo toda a súa política. Recoñeceu finalmente o seu profundo desacordo para connosco, algo que a nós resultounos bastante satisfactorio. El pretendía establecer un diálogo constructivo pero ese non era o noso cometido. Nós non queremos debate nin diálogo cun organismo que, ademais, non é democrático, ninguén fiscaliza as súas accións e se amparan nun secretismo total, o que se denomina secreto bancario para ocultar cales son os acordos asinados polos distintos países co FMI e o BM. O obxectivo da reunión era dicirllo na cara, claramente e con cifras, denuncialo e, ademais, que estes programas son os sustentos directos do aumento da violencia que sufrimos as mulleres en todo o mundo.

-No Fondo Monetario Internacional as cousas non deberon ser moi distintas

-A entrevista co líder do F.M.I., M. Horst Kohler non partiu dese paternalismo inicial. Era un home moito máis duro, máis férreo, un neoliberal convencido, é máis, dubidaba fondamente que houbera algunha alternativa económica diferente ó neoliberalismo, que se puidese concebir a economía dende algunha outra óptica. Chegounos a dicir que o cerne da pobreza estaba na corrupción dos propios gobernos, que nós o que tiñamos que facer era volver ás nosas casas e dicirlles ós nosos gobernos o corruptos e o mal que o estaban facendo pero que as directrices xerais que emanaban do Fondo Monetario eran as correctas, que eles non tiñan a culpa de que as axudas foran desviadas etc.

-A vosa resposta, unha vez máis volveu ser tallante...

O noso papel non era discutir o papel dos nosos gobernos, que iso xa o faciamos no noso día a día como militantes, o que lle dixemos é que realmente eles son os culpables disto porque, ademais, se calquera goberno do mundo quere escapar das directrices económicas que deles emanan vense arrastrados e atados por problemas de bloqueos, presións políticas e económicas e demais. Exemplos sobran. O fundamental para nós é, ademais, a anulación da débeda externa. Saímos moi satisfeitas desta reunión porque queriamos unha resposta e conseguímolo: a súa resposta foi atrincheirarse nos seus posicionamentos, botar a pelota no tellado dos distintos gobernos acusándoos de corrupción e lavándose eles as mans.

-Unha das grandes esperanzas da Marcha estaba na xuntanza coa ONU, ¿conseguistes ser recibidas por Kofi Annan?

Confiabamos en que Kofi Annan puidese recibirnos pero mor da súa estadía en Exipto coas negociacións de paz arabe-israelís isto non foi posible e no seu lugar apareceu a Secretaria Xeral, Madame Frechette, e a vicepresidenta xeral, Mme King (responsable ademais de temas da muller e do seguimento da aplicación do Foro de Beijing). De anfitrión estaba o Embaixador de Canadá, cousa que agradecemos ó estado canadiano xa que nos facilitou a entrada na ONU tomándoo como asunto de Estado. Francoise David, presidenta da Fedération des Femmes de Québec, tomou a palabra e quedou consolidada como a líder do feminismo mundial, do rexurdimento do movemento feminista e como tal pasará a Historia, sen dúbida.

¿Cales foron as peticións concretas de cada unha das representantes?

Logo foron intervindo unha a unha as representantes da marcha analizando polo miúdo tódalas reivindicacións que levabamos no peto. Terri Brown (representante das mulleres índíxenas) falou das consecuencias para os pobos indíxenas da ocupación e colonización das súas terras polas grandes multinacionais; Touriya Lahrech de Marrocos presentou a proposta da creación dun Consello Económico Mundial que redefina as normas económicas e financeiras que remate co secretismo bancario e faga posible a distribución da riqueza; Latifa Rijal Ibraimo, de Mozambique fixo un relatorio da situación de violencia que sofren as mulleres; Shashi Sail, da India, aprofundou nas responsabilidades do neocapitalismo patriarcal para a violencia de xénero; Rosa Guillén, do Perú, centrouse na necesidade de garantir a liberdade sexual de cadaquén... pouco a pouco todas foron avaliando e pondo riba da mesa tódalas nosas peticións e denuncias.

Os momentos máis emotivos viñeron da man das mulleres representantes dos países en conflicto. ..

Mulleres do Kurdistán, de Palestina, Colombia e Serbia acusaron á ONU de non pór fin á situación bélica dos seus pobos e as consecuencias sociais que están a ter as masacres indiscriminadas. Con todo, o momento cumio veu cando falou a representante afgana. Comezou dicindo “señores, infrinxín unha lei do meu país ó estar nun lugar público por estar sen un acompañante masculino e vou cometer outro delito máis”. Daquela quitou o veo que a cubría e todas botamos a aplaudir e chorar vendo o moito que iso significaba para ela e a profundidade das súas denuncias. A conclusión final púxoa Francoise David advertindo claramente do potencial de ira das mulleres, ira que considerou normal e lexítima dada a situación de violencia e pobreza do mundo. Mm. King só puido convidar ás mulleres a colaborar coa ONU a desenvolver os proxectos existentes dentro do marco de Beijing. Saímos dalí un pouco decepcionadas porque despois dos testemuños tan importantes e cifras de dor que levabamos, as representantes puideran facer unha defensa acérrima da globalización e a súa impotencia.

Publicada en "Tempos Novos" reproduzida em " Vieiros"
______________
--> Leer más...

quarta-feira, 25 de outubro de 2000

Conversa com Rafael Rodríguez - Outubro de 2000

"Ferrol precisa dum serviço de nefrologia"

Rafael Rodríguez Martínez, leva seis anos transplantado dos riles. Umha pessoa que morreu e tinha feito doaçom dos seus órgaos, coincideu que tinha compatibilidade genética com ele. Assim foi como apartir do mes de fevereiro de 1993, recuperou parte da qualidade de vida que lhe roubara umha doença e que lhe obrigara durante dous anos a escravizar-se da hemodialise para poder viver. Controis mensuais e várias hospitalizaçons ao ano, nom lhe impedem agora levar umha vida normal. É mestre em activo, coida e disfruta da sua filha de meses, habitual no trabalho de solidariedade com Cuba, tem tempo a maiores para se converter numha das vozes que se levantam na comarca de Ferrolterra para reivindicar melhoras sanitárias para as pessoas que padecemcomo ele insuficiència renal.

Pareces umha das pessoas mais informadas em quanto às necessidades sanitárias em nefrologia desta comarca.

Eu som umha pessoa afectada por umha enfermidade que pode ser mortal. Desde esse ponto de vista, as pessoas afectadas somos as mais indicadas para ter consciência das nossas necessidades e ser protagonistas da nossa própria saúde.Se falamos das iniciativas que se estam a tomar, encaminhadas a dotar a comarca de Ferrolterra dumha unidade de nefrologia, tenho que dizer que somos três associaçons as que estamos a levar esta luita: a "Asociación de diabéticos de Ferrolterra", "Asociación de enfermos de Lupus( AGAL) e a "Asociación de Loita contra das enfermidades do Ril (ALCER)".

Como enfocades vós a problemática das pessoas com insuficiência renal.

Na Galiza, ainda sendo umha das zonas do estado com maior número de doantes, as listas de agarda para realizar um transplante vam aumentando. A verdade é que a populaçom com insuficiência renal aumenta, fundamentalmente pola esperanza de vida que também tem aumentado.

Neste momento só se realizam transplantes no Hospital Juan Canalejo de A Corunha e no Hospital Geral de Compostela..

No ano 97, das 20.000 pessoas que morrerom na Galiza, só ao redor de 70 tinham doado os seus órgaos. Ainda que nom é umha quantidade nada despreciável, é precisso aumentar as doaçons.

Mas o que nos tem profundamente preocupadas às très associaçons que mencionava antes, é a situaçom da zona sanitária de Ferrol.Neste momento, o único tratamento ao que pode ter acesso umha pessoa doente nesta zona é á hemodialise. As outras técnicas, tratamentos, consultas... temos que realiza-las em Juan Canalejo ou no Hospital Geral. Isto significa que umha urgència, umha hospitalizaçom...pode ser mortal. A área sanitária de Ferrol comprende nove municipios e as distáncias som grandes.

Os custes económicos polos desplazamentos venhem agravar as economias das familias que tenhem a enfermidade na casa.

As doenças de ril desta área sanitária, significam 3.000 dias de hospitalizaçons em Juan Canalejo, mil consultas ao ano, um número também elevadissimo de urgências... Nom entendemos como umha das áreas sanitárias mais povoadas carece deste serviço de nefrologia.

Desde Ferrol estamos solicitando desde há anos a criaçom deste serviço. Apresentamos um informe bastante completo sobre as necessidades e situaçom das pessoas enfermas nesta área, acompanhado polas sinaturas das pessoas que estavam submetidas nesse momento a hemodialise ou transplantadas. A primeira entrevista co responsável sanitário na "Xunta", desenvolveu-se com muita cordialidade e parecia haver muito entendimento a respeito desta problemática. Chegou-se-nos a dizer que no praço de dous anos estaria funcionando. Este praço cumpriu-se no mès de fevereiro, onde mantivemos umha nova entrevista co actual director de Asistência Sanitária. Desta volta já nom saimos tam contentes.

Que alternativa vos ofereceu a administraçom depois destes dous anos de agarda?

Deu como primeiro passo a actuaçom dum nefrólogo dependente do Arquitecto Marcide que realizaria diagnósticos e um estudo sobre a situaçom nefrológica da área sanitária. Umha medida totalmente insuficiente pois as consultas, tratamentos, hospitalizaçons e urgèncias vam seguir dependendo de Corunha.Quero lembrar que umha urgència pode ser mortal nestes casos.Corunha está saturada.

Qual consideras ti que podem ser as raçons da Administraçom para nom ter criado este serviço de nefrologia?

A disculpa nom pode ser económica. A "Xunta" acava de receber mais de 8.000 milhons dos fondos europeus com os que se estam a reformar as instalaçons do Arquitecto Marcide. Por outra banda, a raçom económica nom pode baralhar-se quando falamos de sanidade pública, que tem que entender-se como um serviço, nom como umha actividade económica.
Nefrólogos e nefrólogas com o Mir feito, há dabondo, mas estam trabalhando noutras especialidades.

Nós solicitamos que o que se pode fazer em Corunha que se poda fazer em Ferrol. Aqui só podemos fazer hemodialise tres dias da semana. Se tes que faze-la em sábado ou domingo, tes que desplazar-te a Corunha.

A área sanitária de Ferrol comprende um quarto de milhom de pessoas, é umha das mais grandes da Galiza. A área de Lugo, tem hemodialise em Burela,Lugo e Monforte, ademais do serviço de nefrologia, e som 340.000 pessoas.

Todas as partes consultadas da Administraçom vem a necessidade de amanhar isto, mas convinha cambiar as boas palavras por feitos.

Os sindicatos e partidos políticos da comarca avalam as nossas posiçons, mas a realidade nom cámbia.

Que mais vos queda por fazer?Que tedes proxectado?

Temos umha recolhida de sinaturas em marcha entre a populaçom. O Bloque vem de comprometer-se a levar este tema como pergunta parlamentar. Outros grupos como o Psoe e E de G. também vam levar adiante umha série de iniciativas. Nós estamos agardando que o Conselheiro nos receva. Temos esperança de que os meios de comunicaçom recolham esta problemática e se poda entre todo um pouco, conseguir o nosso obxectivo. Nós como colectivos nom podemos fazer muito mais. Somos pouca gente organizada e muita gente enferma, com as limitaçons que todo isso conleva. O nivel socioeconómico das pessoas afectadas e das suas familias é muitas vezes moi baixo, quando nom está complicado com enfermidades mentais, emigraçom... ou a idade média, que é moi alta também.

Como describirias em cifras esta enfermidade?

Umha hemodialise som 22.000 ptas,Multiplica isso unhas doze vezes por mês. Que economia familiar pode afrontar isso? Mesmo que seguro sanitário privado pode oferta-lo? Um transplante som tres milhons de pesetas. A medicaçom de umha pessoa transplantada pode chegar às 100.000 ptas mensuais. Isto só o pode afrontar a solidariedade e justiça social que representa a sanidade pública. Em EE.UU., que nom existe o direito à sanidade pública, muitas pessoas nom podem permitir-se um transplante por nom poder cos custes da medicaçom. Mesmo, tenho documentos que assim o corroboram, no ano 94 deixou-se morrer umha pessoa transplantada de coraçom por nom poder custear os gastos médicos. É importante também para a sanidade pública aumentar o número de transplantes porque aforra em gastos a respeito da hemodialise. De quatro milhons anuais pode-se passar a um milhom anual de gastos sanitários. As 70 pessoas que estam atendidas em hemodialise neste momento em Ferrol, só podem ser mantidas com vida pola sanidade pública.

Lupe Cês
25.10.2000

Publicada no periódico semanal "A Nosa Terra"
_______________
--> Leer más...

segunda-feira, 16 de outubro de 2000

Conversa com Antonia de Salhaketa - Outubro de 2000

Há poucas semanas o semanário portugués Expresso, publicava a experiência de Mario Conde no cárcere. A sua definiçom era clara e rotunda “a prissom é um inferno”. No caso do Expresso entrevistar aos très pressos de celas de ailhamento da prissom de Teixeiro, em Curtis, haveria que reinventar a palabra inferno. Na entrevista que mantivemos com Antonia Fuentespina a sentência é condenatória para os cárceres e o sistema penitenciário actual.

“EL NOM SABIA QUE O QUE LHE AGUARDAVA EM TEIXEIRO ERAM 5 DIAS DE TORTURAS ALGEMADO A UMHA CAMA”.

Fala com umha moderaçom inusual se se tem em conta que o que descreve som feitos dumha dureça increível. Mas as palavras que utiliza para faze-lo fugem dos calificativos que puideram fazer-nos soipeitar do que relata. A realidade mostra-se em toda a sua crudeza, ainda que o seu tom de voz sega numha melodia que nos lembre Mallorca, a ilha onde nasceu e passou a sua infáncia. Agora vive em Bilbo e leva muitos anos trabalhando em, e para, SALHAKETA, umha organizaçom de apoio às pessoas presas. Estes dias vissitou o nosso país ao chamado dumha denúncia de maos tratos e torturas no cárcere de Teixeiro. Umhas horas com Antonia Fuentespina, chegam para que quedem em nós as chamadas de justiça que se lançam tras os muros dos cárceres.

Antonia que é em concreto o que che trouxo a Galiza?

Os familiares duns presos do cárcere de Teijeiro, passarom-nos aviso de que havia umha situaçom de tortura e maus tratos sobre uns companheiros deles que acabavam de ser trasladados a este cárcere havía dias. Tratava-se, e trata-se concretamente de Gabriel Bea Sampedro, Francisco Javier Rodríguez Gantes e Victor Ladron de Guevara Peñuela. Os tres classificados em 1º Grado, 1ª Fase.

Som internos FIES (Ficheros Internos de Especial Seguimiento)?

Nom. Agora nom clasificam em FIES, ainda que se aplique o mesmo tratamento. Destes tres presos conheciamos a grande amizade que lhes. Estam considerados como perigossos, porque mantenhem umha actitude de denúncia constante. Pensamos que o seu traslado desde cárceres diferentes, ao cárcere de Teixeiro puido ser umha represália por essa actitude. No caso concreto de Gabriel, que é galego e levava tempo solicitando o seu traslado a um cárcere da Galiza para estar perto da sua familia, levou umha alegria co traslado. Nom se aguardava que ia passar 5 dias atado a umha cama submetido a torturas que entre outras lessons, tenhem-lhe provocado a perda de vários dentes e umha infecçom nos pulsos causada polas algemas.

Nos meios de comunicaçom estes dias falava-se de falta de seguridade na prissom de Teixeiro.

As novas que eu puidem ler nos jornais galegos destes dias traem muitas contradiçons. Nom é possivel que tres presos em regime de ailhamento se poidam ver, nem há possibilidade de que sucedesse umha agressom em grupo aos funcionários. Umha advogada de Salhaketa puido vissitar aos tres ao longo da semana passada e relatarom-lhe que as agressons se desencadearom de meia em meia hora em lugares diferentes, mas os resultados forom os mesmos ou parecidos. Victor por exemplo tem umha brecha na cabeça com sete grapas, assegura que foi agredido com porras metálicas. Francisco Javier apresenta numerosas contussom. Forom submetidos a 5 dias de torturas e maus tratos, sem explicaçom, sem motivo. Simplesmente agora estam convencidos que forom traidos à Galiza para isto.

Tinhades contactos em SALHAKETA com estas pessoas com anterioridade?

Sim, som tres pessoas com as que mantemos muita relaçom. Os tres começarom com condeas muito pequenas, por delitos leves, pequenos roubos... logo dentro do cárcere forom acumulando anos até atopar-se agora com condeas longuíssimas. Pode que mesmo o feito de ser torturados lhes prolongue por mais uns anos a condea, pois é de aguardar que o próprio cárcere apresente umha denúncia por atentado à autoridade ou pode que por lessons.

Parecem histórias muito paralelas com as doutro preso galego, José Tarrío.No livro “Huye hombre huye”, relata a sua própria vida, que practicamente se tem desenvolvido até agora detrás dos muros do cárcere.

Conhecemos o caso de José. E um exemplo mais que demostra que os cárceres nom som a soluçom. Para estes presos, som umha trampa que os atrapa desde muito novos e nom lhe dá saidas. Som chamados “cabecilhas”, “rebeldes”... Estas pessoas ao longo destes anos de presidio, forom alcanzando umha madurez e formaçom cultural, só contando co seu próprio esforço, que lhes permite manter-se com dignidade ainda em momentos de crueldade extrema como é o que venhem de sofrer em Teixeiro. A palavra clave é dignidade. Dignidade e solidariedade. A sociedade quedaria asombrada de ver quanto de dignidade e solidariedade há detro dos cárceres.

Mas a sociedade o que está a pedir é um aumento das penas, ou mesmo o cumplimento integro das mesmas ante delitos que criam alarma social.

Interessa malinformar à gente. Maneja-se a dor, o sofrimento e o medo social para justificar os cárceres. Nom se acomentem solucions reais às distintas problemáticas sociais e a própria existência dos cárceres nom é mais que a tapadera do fracaso do estado na búsqueda dessas soluçons.

Nos 20 anos que leva funcionando SALHAKETA haveria alguns avanços...

Sinto-o, mas o que observamos é que a situaçom vai a pior. De 11.000 pessoas presas pasou-se a 46.000,aumentam os informes e denúncias por maus tratos. Este ano concretamente forom 163 denúncias que nom produzirom nemgumha condea aos funcionários denunciados. O número de mortes em circunstáncias estranhas duplicou-se... O novo código resultou muito lesivo para os direitos das pessoas presas. Ademais de aumentar as condeas nos delitos pequenos, eliminou as redençons. Todos os beneficios penitenciários que aparecem recolhidos no papel nom se estam a aplicar . No cárcere há homes, mulheres e crianças que carecem no geral de actividades de formaçom, ou qualquer outro tipo de programaçom encaminhada para favorecer o que no regime penitenciário se conhece como reinserçom social da pessoa presa.

No caso das mulheres nom parecem ser subjetos de maus tratos e torturas dentro do cárcere.

No caso das mulheres trascende menos. Em primeiro lugar porque som muitas menos. Praticamente nom denúnciam polo que as associaçons de apoio nom nos enteramos de qual é a sua situaçom. Por outra banda as mulheres estam muito mais desprotegidas e abandoadas que os homes. Concretamente o apoio familiar case sempre falha. Umha mulher que remata no cárcere tem que afrontar um desprestigio familiar e social muito maior que o dum home. Mesmo o seu companheiro nom soe responder ás necessidades básicas, cousa que, ao revés, dá-se dum jeito adnegado e geralizado. As mulheres somos educadas na submissom e polo tanto vai ser o maltrato psicológico o que mais se empregue dentro dos cárceres. Também está o problema das poucas actividades que se lhes ofertam e todas com um grande contuido de género: bordado, costura... Logon está o trabalho submergido dentro dos cárceres para as multinacionais...

Existem alternativas ao cárcere? Conhecesse doutras experiências?

Penso que a política penitenciária é umha das que está mais globalizada. Algo diferente sucede nos paises nórdicos onde se utilizam mais outras vias punitivas antes de recurrir à prissom. No estado espanhol estas mesmas vias estam reconhecidas por lei, mas nom se aplicam.

A organizaçom galegas PRESOS, aparecia denunciando nos jornais o caso da macrocárcere de Curtis. Mantedes relaçons? Existe umha rede de solidariedade?

SALHAKETA, PRESOS e outras organizaçons do estado estamos organizadas numha coordenadora, a CSPP “ Coordenadora de Solidariedade com as Pessoas Presas”. As reivindicaçons desta coordenadora som moi básicas. Em primeiro lugar que se elimine o régime de ailhamento e castigo. Que se elimine também a exploraçom laboral que existe nalgumhas prissons. Que se respecte a legalidade vigente e se apliquem os beneficios penitenciários. Para todo isto se precisaria umha clara intervençom dos juices de vigiláncia penitenciária.

Solicitáchedes essa intervençom no caso de Teixeiro?

Até o de agora existe umha denúncia feita por parte do Ararteko, que é umha figura como a que tendes aquí no Defensor do Povo. Esta denúncia em concreto está feita por maos tratos e torturas nas perssoas destes tres presos dos que che falei. SALHAKETA e a advogada destes presos, também apresentarom denúncia. Na nossa entrevista com o juiz de vigiláncia penitenciária nom encontramos nemgumha disposiçom para investigar estes feitos.

Será umhas denúncias mais a engadir à loga lista deste ano...

Eu sempre tenho esperança de que nom seja assim, de que se poida cambiar algo, de que estas cousas nom sucedam mais. É precisamente desta gente presa que saco as milhores ensinanças. Como che digem antes é umha escola de dignidade e valor ante a vida. Porque fai falta muita dignidade e valor para ter solidariedade dentro do cárcere sabendo que te jogas a vida. Ah!, e escreve SALHAKETA com H no meio, que é para lembrar os barrotes.

Lupe Cês
16-10-2000

Publicada no periódico "A Nosa Terra"
______________
--> Leer más...

domingo, 3 de setembro de 2000

A prol da legalizaçom

A morte dum bebé por ter consumido metadona, vem pôr de manifesto mais umha vez, que a problemática do consumo das drogas ilegais, segue sendo fundamentalmente um problema de marginaçom social.

Os meios de comunicaçom utilizarom a situaçom socio-familiar da nai e pai do bebeçinho para tirar rendimento dumha nova que ía vender de seguro. O abandono ao que tinham submetido a vários dos seus filhos; o seu passado drogodependente e o seu presente de desintoxicaçom, forom utilizados para vender umha nova que doutro jeito nom ocuparia nem meia columna dum jornal. Pensade o que venderia a nova se o bebé morrera por ingerir leixivia na cozinha, deixada por um descuido ao seu alcance. Tampouco seria novidade que o bebé falecesse por accidente de tránsito provocado por um descuido ao volante. O consumo de drogas ilegais e as condiçons de pobreça, amoreamento e marginaçom, é o que lhe deu a trascendência que tivo nos meios de comunicaçom. O mesmo poderiamos falar de mortes por sobredose, ou da deliqüencia gerada polo comércio e consumo destas sustáncias ilegais. Mais umha vez os meios de comunicaçom só ficam na tona da qüestom sem analisar além do que a súa voluntária miopia política e os Conselhos de Redacçom lhes permitem.

Desde que no ano 1961 o Convénio Unico de Estupefacientes, baixo a tutela de EEUU, e co voto favorável de 60 estados membros das Naçons Unidas, aprovou a divissom entre drogas ilegais e legais, consagrou-se a nível internacional umha catalogaçom que para nada está baseada em critérios de saúde. Pensemos que em Europa nos próximos anos vam morrer 10 milhons de pessoas polo tabaquismo, mentres que polo consumo de hasis ou marihuana, nom se producirá absolutamente nengumha.

Hai que pensar pois noutros interesses para fazer a distinçom entre drogas ilegais e legais e reflexionar o porquê, as ilegais, coincidem com as asumidas dum jeito masivo dentro da cultura dos paises do Terceiro Mundo, mentres as legais pertencem culturalmente ao Mundo Occidental.

Som muitos os tópicos que se tenhem implantado na nossa sociedade sobre o consumo de drogas e das suas conseqüencias. O mais extendido pode ser aquel que asegura que provar umha droga significa adiçom. Nós temos a prova no alcol, tam vinculado à nossa cultura para desmenti-lo. A maiores sabe-se que o 50% da populaçom menor de 30 anos tem probado o cannabis, mas só o 20% é consumidora habitual. Um 10, 4 % provou a cocaina e só o 3, 8 % fai-no com asiduidade. Coa despenalizaçom das drogas brandas na Holanda no ano 76, comprobou-se que o consumo nom aumentava em relaçom cos países do seu entorno. Um estudo realizado entre os anos 83 e 85, demostrou que só o 15% da populaçom entre 15 e 35 anos, ocasionalmente consumia um porro. Esta cantidade duplicava-se na Alemania e chegava ao 60% em EEUU, onde o seu consumo é ilegal.

As leis que restringem o uso e venda de certas sustáncias estupefacientes, fam coincidir a vítima co delinqüente. O Estado amordaza deste jeito o direito individual a modificar o estado de ánimo, a percepçom... dirigindo o jeito de aproveitar o ocio ou indicando a maneira correcta de divertir-se.

A búsqueda de praceres e sensaçons nom é mala em si mesma. Mesmo há gente que a busca realizando actividades que ponhem em perigo inmediato a sua vida ( puenting, escalada, carreiras de velocidade...). Nom é o uso moderado, senom o uso escesivo de certas sustáncias, o que pode traer um efecto negativo sobre a sociedade. No caso dalgumhas drogas ilegais como o hasis e a mariguana é raramente apreciável.

O que sim está tendo conseqüencias devastadoras para a nossa sociedade é a ilegalidade no que se realiza o comércio de estupefacientes. A delinqüencia, o sufrimento para as familias de consumidores com adiçom, as mortes por sobre-dose e adulteraçons, as infecçons graves por umha incorrecta administraçom... som algumhas das conseqüencias que estam a sofrer gente das classes populares, que mesmo nalguns bairros de cidades galegas tenhem-se levado por diante a parte dalgunhas geraçons. Só indicar que nos cárceres as terças quartas partes das pessoas presas, estam-no por delitos relacionados, directa ou indirectamente, co consumo e tráfico de sustáncias ilegais. Só para aliviar todo este sufrimento compensaria já legalizar o consumo e venda de estupefacientes. Quando um delito, antes desconhecido, medra pessie à repressom, indica que nos atopamos ante um processo de re-organizaçom moral da sociedade.

Hai outras conseqüencias nom menos graves á hora de analisar os efectos que sobre a nos tem o comércio ilegal. A maiores da falta de control sanitário, de calidade e de preços, este tipo de actividade tem consolidado na Galiza mafias de traficantes com redes extendidas por todos os aparelhos de poder e control. O negócio especulativo do século tem infiltrado deste jeito muitos estados, e tamém, no nome da cruzada anti-droga tem-se legislado leis que logo som aplicadas para reprimir aos movementos populares. A Audiência Nacional pode ser um bo ejemplo do que estamos a dizer. A luita contra a droga consigue o apoio ciudadam para umha instituiçom que o que persegue é limitar as liberdades civis e negar os direitos aos povos.

Mas é EEUU quem se leva a palma a nível internacional, das mais altas quotas de hipocresia em relaçom ao consumo e tráfico de drogas. O Gendarme Mundial tem imposto a Tailandia sancions por querer retringir a importaçom de tabaco americano, a droga mais letal, em termos absolutos, do mmundo. As multinacionais Chesterfield e L&M, venhem de comprometer-se a adicar um 2,5% dos seus beneficios anuais para compensar os danos sufridos polos 46 milhons de estadounidenses drogodependentes dos seus pitilhos. A guerra contra do narcotráfico estam-na utilizando para penetrar nas cúpulas dos aparelhos militar , ejecutivo e de inteligência dos estados de América Central e do Sur. Indonésia, Pakistam, Afganistam, Nicaragua,... as guerras revolucionárias forom combatidas tamém co enriquecimento e ampliaçom das mafias do comércio ilegal. Essas mesmas máfias som as que logo pagam o terrorrismo internacional yanqui, o que eles chamam: contrainsurgência ou conflictos de baixa intensidade.

Os últimos assassinatos na Galiza, as conexons coas forças repressivas espanholas e os indicadores de altos índices de implicaçom nas redes do narcotráfico de políticos , magistrados... fam que a demanda da legalizaçom seja hoje umha reivindicaçom que aposta pola saúde da nossa sociedade em todos os àmbitos e desde a significaçom mais global que tem a palavra.

O último Cumio Europeu sobre Tráfico e Consumo de Estupefacientes reconheceu que a repressom nom tinha sido nem a soluçom, nem mesmo um freo para o consumo. Nos últimos 5 anos houvo um aumento no número de mortes, sobre todo polo consumo das chamadas drogas de desenho, debido às mas condiçons de fabricaçom. As máfias do comércio ilegal nom tenhem escrúpulos à hora de adulterar o produto para tirar maiores ganáncias. Só as vozes mais reaccionárias seguem vendo mais perigos na legalizaçom que em manter a situaçom como está. Nesse senso fazia umhas declaraçons o Presidente do Plano Contra das Drogodependèncias à Rádio Galega. Araujo asegurava, para desbotar a legalizaçom, que " ao aumentar a oferta aumenta a demanda", como se falando de drogas puideramos fazer umha análise tam simple.

Tamém desde posturas de esquerda ve-se a legalizaçom como umha ameaza à necessária transformaçom social. Muitas pessoas pensam que, sobre todo a mocidade, quedaria adormecida por um consumo que se extenderia como a pólvora até os últimos recunchos do nosso país. Muitas destas posturas nascem dum concepto equivocado dos comportamentos sociais, de pensar que as chamadas masas carecem de vontade fora do que som as suas vangardas e que a manipulaçom social é algo absoluto. Nascem tamém dum proxecto social escesivamente dirigista e proteccionista, onde os direitos individuais nom som tidos em conta. Mas os direitos individuais nom som o patrimonio da revoluçom burguesa. Nom som valores burgueses, em quanto esta clase nom pode garantir a sua universalizaçom, senom que reduze o seu desfrute a umha classe privilegiada. Polo tanto a liberdade individual aparece como um valor importantíssimo nos proxectos sociais revolucionários do próximo século. Liberdade e diversidade, na creaçom, na produçom, no lecer, na búsqueda científica, no jeito de relacionar-se ...

A defesa hoje da legalizaçom está aparelhada à reivindicaçom e promoçom da saúde, e já vimos que nalguns aspectos ( control da calidade, formas de administraçom, control de preços, delinqüencia) já o está directamente. O tímido passo dado por Holanda há onze anos, está a ter resposta organizativa em toda Europa onde distintos coleitivos, mais ou menos activos, reivindicam a legalizaçom da marihuana e o cannabis. Em Compostela o coleitivo PACO ( Plataforma Anti-proivicionistas de Compostela) já começou a dar os seus primeiros pasos. Mas é no ámbito internacional onde se pode dar soluçons reais e menos conflictivas ao problema da legalizaçom. O legal pode-se controlar. O control da produçom, da publicidade e a gestom, poderia orientar-se cara a um nom crecimento , reduçom ou mesmo reconverssom do negócio. A maiores, os programas informativos, educativos e preventivos, fariam-se sobre umha base mais real do que de verdade implica o uso de estupefacientes, umha vez tirada a carga de marginaçom e criminalidade que envolve o consumo.

O debate sobre o modelo de sociedade que queremos construir para a Galiza do século XXI, está sem dar. Penso que este é um dos grandes frenos que tem metido o independentismo e que agarrota o seu desenvolvemento. Eva comeu a maçá. Temos que pensar que esse momento de liberdade, de opçom individual, deveu ser mais fermosso que toda a eternidade de castigos e imposiçons.

02-09-2000

Lupe Ces
___________________
--> Leer más...

quinta-feira, 13 de julho de 2000

Gran Hermano

A produtora Zeppelin, junto com Telecinco, som as primeiras sorprendidas do suceso que o programa de televissom “Gran Hermano”, está tendo tanto em número de pessoas que o siguem, como a influência noutros meios ou, mesmo, à hora de marcar modas. Som as primeiras sorprendidas, e também as primeiras beneficiadas polas ganhancias que este programa, e todo o que o rodea, está gerando.

Nom imos neste Deliberadamente fazer umha análise da televissom, da qualidade das programaçons, ou, a serviço de quem estám. Tampouco das possibilidades que poderiam ter de comunicaçom, dinamizaçom cultural, informaçom... Nom imos entrar nas críticas a este programa, verssom moderna da realidade que no seu dia mostrou o filme “Dançai malditos dançai”. Simplesmente queremos sinalar a presença constante, opressiva, que o patriarcado tivo e tem desde o começo deste programa.

Alguém pode pensar que esta presença nem é mais, nem é menos, que a que tem em muitos dos programas das distintas televissons. E é certo, mas os milhons de pessoas de audiência, e o feito de estar protagonizado por pessoas que nom som profissionais dos meios, estam-lhe a dar umha dimenssom diferente, de mais calado social, de muita mais influência. Polo de pronto, era de aguardar que se reproducissem no convívio diário, os problemas, esquemas, situaçons e conductas que formam parte das nossas vidas. Assim vimos as preocupaçons dumha mulher por ter que asumir em solitário a responsabilidade de duas crianças depois dumha separaçom; vimos como se segue a pensar que o matrimónio é a soluçom para os problemas das mulheres, “ casarei-me com ela” berrava um concursante; observamos como se reproduzem as eternas discussons polo distinto nível de asunçom do trabalho doméstico,totalmente desvalorizado e ridiculizado; conhecimos que ainda há mulheres-nenas que casam e tenhem a primeira crança com quince anos, e mesmo vimos escenas de acoso sexual. Mas é a prostituiçom, a través do papel que jogou e joga no programa, a que reflicte a face mais descarnada e agressora do patriarcado entrando e reproduzindo-se nas casas, nas empresas, nos quiosques e, em definitiva nas mentes de milhons de pessoas.

Por se alguém ficou fora da influência deste programa, explicaremos que duas concursantes, em dous momentos diferentes do programa, som “denunciadas” públicamente pola revista Interviu de egercer a prostituiçom. A conhecida revista que leva tantos anos prostituindo-nos, agredindo a nossa imagem e perpetuando o machismo em todos os seus números, atreve-se a indagar e publicar a sua vida sem valorar os custes pessoais, familiares e sociais que tem para as mulheres o mundo da prostituiçom. Neste caso, como noutros, só se valorou as ganháncias que o “morbo” poderia traer à editora. É simplesmente dolorosso ver como diante de 16 milhons de pessoas, estas mulheres pedem perdom polo seu passado, tenhem que admitir que foi um “erro” nas suas vidas e devem sentir vergonha diante dumha maioria social que vive de costas à realidade da prostituiçom, mantendo a actitude hipócrita e patriarcal de criminalizar, estigmatizar à prostituta e nom tocar, nem nomear aos usuários, beneficiários e perpetuadores desta escravitude sexual.

Mais umha vez vemos como o patriarcado acomoda-se nos despachos de direcçom, nas canetas das equipas de guionistas, está como um “gran hermano” pendente de perpetuar-se, de adaptar-se aos novos ventos tecnológicos, às modas... para reproduzir a forma mais arcaica de dominaçom.

13.07.2000
Lupe Ces
________
--> Leer más...

quarta-feira, 8 de setembro de 1999

A vilolência de gênero tem soluçom

Estes días coa morte de Pilar em Marim, volverom-se a escuitar vozes reflexionando sobre a violência de género nas páxinas dos jornais. Também, polo trágico assassinato de Pilar, a sua morte anunciada, destacavam mais nessas páginas, um ronsel de novas relacionadas com agresons a mulheres, seqüestros e prostituiçom, que rematavam, interpretada nos meios como anécdota, no troque dumha mulher prostituida por um cabalo em Ourense.

María Xosé Queizán (interpreto que num simple desejo de limitar a extenssom do seu artigo- colaboraçom na Voz de Galicia), e a central sindical CIG, mediante umha nota de prensa, apontavam cámbio de mentalidades e imaginaçom, respectivamente, como soluçom á violência de género.

A dia de hoje as mulheres vivemos com a certeza (consciente ou inconscientemente), de que o que ocorreu em Marim, pode-nos ocorrer a nós, ou ás nossas filhas, ou ás nossas irmás, vizinhas, amigas... Cumpre que as mulheres podamos ter umha porta aberta á esperanza, porque rematar coa violência de género é possibel, e paliar a sua incidência pode-se conseguir desde já.

No ano 98, o Congreso dos Deputados em Madrid votava um pacote de 57 medidas concretadas em seis áreas de actuaçom. Este plano de actuaçom em vigência até o ano 2.000, nascia fracasado nos seus inicios por falta de orzamentos, vontade política e de recursos humanos para leva-lo adiante. Nascia fracasado ademais, porque realmente nom contava para a sua elaboraçom, execuçom e seguimento com as organizaçons feministas. Era e é, um jeito de respostar à demanda das mulheres organizadas no feminismo dumha parte, e ao bum social desatado nos meios de comunicaçom ao longo desse ano.

Ainda assim, estas 57 medidas, de levar-se adiante, significariam um salto qualitativo em quanto à situaçom de muitas mulheres e um pequeño passo na luita por arrincar as raízes que alimentam a violência exercida contra nós. Desde o feminismo no que eu milito, o feminismo que representa Mulheres Nacionalistas Galegas, tem-se analisado que só um profundo cámbio nas estructuras patriarcais da sociedade, que sostenhem e alimentam a nossa opressom e submissom, pode rematar coa violência de género. Isto nom pode desalentar-nos para ir conseguindo pequenos avanzos com medidas concretas que apurem os nossos obxectivos. O que é tristemente desesperante, é comprovar como se nos utiliza, se aprópia da nossa linguagem e reivindicaçons, se apresenta públicamente sensibilidade e preocupaçom pola violência de género, e o que é pior, como se aprovam medidas que nom se levam adiante, para fazer-nos crer num espelhismo de igualdade e normalidade, onde se nos segue assassinando, agredindo, prostituindo, esplorando, marginando... só polo feito de sermos mulheres.

Ferrol, a 8 de Setembro 1999
Lupe Cês
______________
--> Leer más...

terça-feira, 20 de julho de 1999

Apontamentos para Julho - Julho de 1999

APONTAMENTOS PARA JULHO

Nom aguardedes encontrar nestas linhas , directrices ou ideias claras sobre o que vai, ou deve, definir o futuro do independentismo nos próximos anos. Isto que se me solicitou desde o Abrente, nom é mais que um conjunto de reflexons mesturadas com desexos, bos desexos, para o nosso país e para toda a gente que acreditamos nel. Eis tudo o que podo aportar ao debate aberto no seio do independentismo e nas páginas desta publicaçom concretamente.

Ainda que nom o fagamos só nesses momentos e circunstáncias políticas, o certo é que em tudos os processos eleitorais fai-se análise e reflexom. Pode que as organizaçons nas que desenvolvemos a nossa actividade política, nom participem directamente nas eleiçons, mas é um feito que, ainda valorando o lonje que poidamos estar dum sistema verdadeiramente democrático e participativo, os resultados eleitorais som um barómetro, muito a ter em conta, da situaçom político-ideológica na que se encontra a sociedade galega.

Nessa linha quero resaltar que o BNG tem conectado com um amplo sector social. Tem conectado com umha maioria social, lançando umha mensagem galega, progresista... mas nada clara em quanto ao proxecto nacional que quere construir. Muitas das pessoas que dérom o seu apoio ao BNG, e nom só o seu voto, confiam num proxecto "que vai melhorar as cousas", nom muda-las. Muitas das pessoas que dérom o seu apoio ao BNG esquecerám-se da política até a próxima contienda eleitoral, continuarám coa sua realidade bilingüe, quando nom monolingüe espanhola, consumirám cultura ou criaram cultura sem parámetros própios... e nom qüestionarám um modelo social, nem um modelo estatal, negador dos direitos da nossa naçom. Eis o reto do BNG. As pessoas que demos o nosso voto desde posiçons independentistas, figemo-lo conscientes de que neste momento político era a melhor opçom para afortalar o nacionalismo e dar um golpe político ao PP, como assim se conseguiu em cinco cidades importantes da naçom.

O independentismo só conta com um passado demasiado marcado polas divissons internas e por uns métodos de luita que devenírom nom axeitados. Conta com um proxecto nacional mais ou menos definido(1), com um corpo ideológico que lhe permitiria elaborar alternativas concretas que, somadas, fossem tecendo um novo corpo social capaz de soster um proxecto nacional necessariamente antagónico co proxecto espanhol. O independentismo nom tem conectado com um sector social, o suficientemente importante como para que poidesse ser tido em conta ou pessase nas actuaçons políticas, e nom só policiais, de Espanha na Galiza. Mas o Independentismo conta com um componhente de mocidade importante que, ainda que soma inmadurez política, dá um claro dinamismo e proxecçom de futuro, innegável aos olhos do escepticismo mais recalcitrante, e muito a ter em conta por parte do poder espanhol.

Considero que o nacionalismo e o independentismo formam neste país um sistema de vasos comunicantes nom muito complexo. Vasos que se retroalimentam, e nom me estou a referir só ao recente abandono por parte de P.L. do BNG, senom a jeitos de actuaçom, posturas ideológicas e corpo social no que respaldar-se. O BNG vai-se apoderando de estructuras espanholas de poder na Galiza em continuos embates eleitorais, mantendo umha ampla rede de organizaçons sociais (maormente os sindicatos CIG e SLG-CC.LL.), ainda que cada vez mais dependentes desse próprio poder e pouco enfrontadas a ele. O independentismo parez encaminhar-se, ou assim o devera fazer baixo o meu critério, a furar no senso contrário, é dizer, a construir estructuras socias próprias e nom dependentes e a aumentar essa independência nas já existentes, a organizar a sectores da sociedade galega para ensaiar desde já essa alternativa social para Galiza, a romper com a ideia de que devemos aguardar para sermos independentes e comezar a actuar como tais. Mas insistiria em que o independentismo nom deve construir-se com argumentos sectários contra do BNG, se nom com proxectos próprios e alternativos.

Outro aspecto que gostaria de sublinhar é a necessidade de variar o concepto organizativo e definitório do independentismo. Hoje é algo mais que umha soma de organizaçons políticas. Hoje é umha prática feminista, som movimentos musicais, culturais, de defessa da língua, anti-militarismo ... e aguardemos que logo o seja a criaçom de meios de comunicaçom próprios.

Nom é umha soma de siglas o que precisa o país. Precisa dumha soma de vontades de renovaçom, onde aportar a um proxecto colectivo. Precisa de novos xeitos de organizaçom e de luita. Dumha grande quantidade de confiança coleitiva e à vez dumha grande humildade para nom arrogar-se a representaçom da sociedade galega, umha sociedade muito compleja e dependente, mas que como todas as sociedades produz os seus proxectos de libertaçom que aguardemos sejam exitosos neste novo milénio.

1.- Excluo por suposto do independentismo à opçom que nega a Galiza como naçom e só a concibe como umha regiom de Portugal.

Galiza, Julho 1999
Lupe Cês

Publicado no periódico "A Gralha"

_____________
--> Leer más...

domingo, 16 de maio de 1999

O Novo Euro para principiantes - Maio de 1999

O NOVO EURO PARA PRINCIPIANTES

Assistim o passado 20 de Maio, nos locais da CIG- Ferrol, a umha charla do deputado nacionalista Pepe Díaz. O acto estava organizado pola Comissom de formaçom do sindicato nacionalista.

Quando accedim à sá, um local bastante amplo, decorado por um grande mural do pintor ártabro Leandro, atopeime que mais que umha charla, Pepe Díaz estava impartindo aulas, todo há que dize-lo, a um reduzido grupo de sindicalistas e umhas poucas pessoas que nos sentiramos atraidas polo tema e pola escaseza de exposiçons económicas marxistas nos tempos que correm.

Cheguei co acto já iniciado polo que me atopei cum panel com bastantes inscripçons , onde destacava umha soma que se leia do seguinte jeito: Ingressos + Gastos = Déficit.

A exposiçons estava intentando demostrar a influência que tem a gestom pública na economia dum país. Passou aginha a dar uns dados onde se reflectia o fraude que supom os chamados obxectivos de Mastrich. Sobre todo o tam manido 3% de défict público. Alemánia por ejemplo para acadar esse índice, tivo que sacar os investimentos dos hospitais públicos fóra dos orzamentos do estado. Franza assinou um acordo de finanzamento coa multinacional Frantelefom, endebidando-se para acadar esse 3%. Italia passou dum jeito solprendente dum déficit público do 7% a principios do 97, a o maravilhosso 3% deste ano. Esses miragres só podem vir de Roma. “ Aquí já sabemos como se fixo” , aponta Pepe Díaz, e explica como se congelarom os salários de todo o funcionariado; como se reduzirom os investimentos; como se privatizarom case todas as empresas públicas e os restos aparecem num organismo SEPI, que nom entra dentro dos orzamentos e finánciam-se de jeito privado as obras e investimentos públicos ( aquí pom o ejemplo acertado das fragatas que está a construir a Empresa Bazám, co financiamento, que haverá que pagar a preço de ouro a ...........). Quedam algumha perguntas que Pepe Díaz deixa no ar, como por ejemplo como se vai manter o déficit público se este ano pensa-se recolher entre 400 e 600 mil milhons menos de recaudaçom.

Outros problemas apresenta essa cifra do 3%. Segundo nos explica, existe assinado um Plano de Estabilidade que tem como obxectivo manter o índice do déficit público dos estados membros no 3%. De jeito que se um estado nom o mante será sancionado económicamente. “Imaginade se umha economia nom vai bem, ainda por riba sanciona-la com umha multa” Manter o déficit público vai ser sempre a costa dos salários, e dos recortes nos investimentos públicos, isso nos está quedando bastante claro.

Há outro obxectivo na Uniom Europeia que é a ampliaçom. Antes do 2.002, seis estados da antiga Europa do leste, incorporaram-se ao Euro. Alemánia parece ser a primeira interessada nesta ampliaçom de mercados. Por outra banda, estes países tenhem umha renda moi baixa. Coa sua integraçom baixa a renda meia da Uniom com o que Galiza pode perder os fundos estructurais ( essa ajuda esmola que nos chega de Europa que representa o 1´2 % do PIB galego, “ fixade-vos como nos pagam a reduzom na produçom dos nossos sectores económicos básicos”).

Galiza ocupa o número 20 comezando por abaixo, na lista de 181 regions nas que se podem dividir na actualidade a U.E. A diferenza entre a regiom mais rica que é Amburgo e a mais pobre queéstá em Greza, é de 4´5 vezes. “Isto nom é EE UU. Nom existe umha homogeneizaçom. “Representamos culturas, linguas, mesmo economoias diferenciadas e pretende-se fazer umha uniom por riba, anti-democrática”. Pepe Díaz asegura que a construcçom europeia esta-se fazendo a favor do capital e às costas dos povos . “ Aquí é já dum jeito descarado, nom se consulta nada, nom há um referendum para nada e pensai que se está cedendo parte dos poderes do estado”.

Efectivamente, segundo nos explica, o Banco Central Europeio só vai ser controlado por si mesmo, noim há nengúm organismo democrático de control. O obxectivo único deste banco vai ser o control dos preços, tomando medidas para manter a sua estabilidade. O estado espanhol nom vai fazer já política monetária, dependerá só do Banco Central Europeio. Se se visse obrigado a fazer umha devaluaçom de moeda, como se fixo no 83, seria impossível. “ É como um trapecista que se queda sem rede de seguridade, quando as cousas vam mal às vezes há que devaluar a moeda, isto já nom se vai poder fazer.”

A economia galega nom é competitiva, mesmo perdemos competitividade. Descendimos dum 63% da renda meia europea no ano 86 a um 60% no ano 95. Só um 25% das familias galegas aforra algo, e um 40% chega com dificuldades a fim de mês. Das 16.400 empresas que há na Galiza, um 88% tenhem menos de 10 pessoas salariadas, um 90%, menos de 100. O mercado vai ser cada vez mais transparente. Os productos nom vam poder competir com empresas que venhem de fóra. Às empresas galegas que queiram competir nom lhes vai quedar mais remédio que baixar os salários, reduzir emprego ou fechar. Estes vam ser os argumentos patronais dos próximos anos. “Estam-nos vendendo a sua Europa como a única soluçom; Suecia, Dinamarca e Inglatera nom entrarom no sistema monetário, logo há outras possibilidades”.

O que nom tem possibilidade algumha dentro da uniom Europeia é o Socialismo. O chamado Acervo Comunitário que tenhem que cumpri todos os países membros, basea-se fundamentalmente na ideia de manter umha economia de mercado. Paises como Chequia, Polonia, Eslovaquia... está pendente a sua incorporaçom da trnasformaçom que realizem nas suas economias, com claras herdanças ainda vivas do socialismo real.

Explica o deputado nacionalista que o importante nom é a moeda em si, o euro. O importante é o modelo social e económico que se esta a construir. Agora mesmo a OCDE está discutindo o chamado AMI ( Acordo Multinacional de Investimentos). “ este acordo é sacralizar o direito de pernada das multinacionais”. Se chega a implantar-se, os estados quedarm pro baixo das multinacionais e nom poderám legislar contra de-las, ou no caso de faze-lo deverám pagar indemnizaçons.

“Quando entre o euro em circulaçom, a peseta teria cumprido 134 anos, como vedes as cousas nom som eternas. Ainda que os sindicatos CCOO e UGT estám totalmente entregados, e a CIG por si mesma tampouco é quem de gerar outra dinámica, penso que chegarám os processos revolucionários para o necessário cámbio de toda esta situaçom que se avizinha ”. Assim de optimista rematava esta pequena e densa exposiçom sobre as conseqúencias da integraçom no sistema monetário europeio. Um pequeño passo dado pola CIG para combater o analfabetismo funcional que temos a maioria, nestes temas que polo que vimos incidem de jeito tam direito nas nossaa vidas.

Lupe Ces
Maio 98

Publicado no periódico "A Gralha"
_____________
--> Leer más...

sexta-feira, 14 de agosto de 1998

Entrevista con Mauricio Castro - Agosto de 1998

"O galego precisa dumha urgente acçom de massas na sua defesa"

Numha das tardes mais calorosas deste mês de Agosto citamo-nos com Maurício Castro Lôpez. Este jovem ferrolano é autor dum Manual de Iniciaçom à Língua Galega que leva na rua dous meses escassos. A cidade de Ferrol apresenta o índice mais baixo quanto à utilizaçom da Língua na gente nova. A publicaçom deste manual vem demonstrar mais umha vez que,dentro desta cidade supostamente tam espanholizada, existe umha outra que tem mui claro de que país fai parte.

Maurício tem 28 anos e tivo que finalizar em Compostela os estudos começados na Corunha para obter a licenciatura em Filologia Galego-Portuguesa. Daquela Meilán Gil, reitor da Universidade corunhesa, decidiu suprimir dita especialidade do seu campus.

Nom foi na Universidade precisamente onde me acheguei ao galego e concretamente ao reintegracionismo. Muitas pessoas nom acreditarám, mas fôrom as pintadas que olhava pola rua junto das relaçons que mantinha na minha época de liceu o que me levou à utilizaçom do galego e automaticamente ao reintegracionismo.

Na contracapa do teu livro falas de que está pensado para pessoas que partem já de umha consciência favorável à lingua.

No mercado há muitos livros especializados e para especialistas. Na norma reintegracionista nom existia nada que a popularizasse. Eu o que figem foi dar ao que existia, umha nova forma, asequível e juvenil. Nom só no formato.A gente nova é a que mais se achega ao reitegracionismo. A saída que está a ter o Manual, sem estar ainda em distribuiçom, demonstra que a focagem juvenil que lhe demos funciona.

Em cinco dos oito temas em que divides o Manual há um capítulo dedicado à Sociolingüística.

Acho que é fundamental. De facto, estou certo de que umha das carências que temos no nacionalismo é o dum estudo rigorosso sobre a teoria social das línguas. Valorizo alguns estudos feitos até agora como pouco científicos. Por exemplo, segue-se a avaliar o número de falantes com o mesmo esquema que o fai o poder. Para o nacionalismo deveria ter a chave esse menos de 10% de mocidade que fala galego nas cidades. O que importa nom é o idioma que falam os nossos avôs e avoas. Para mim é mais importante o que fala a mocidade, que é o futuro.

Nom estás a ser mui crítico, mesmo pesimista, coa situaçom da língua? Ademais existem movimentos organizados que tenhem como objectivo a normalizaçom lingüística.

Nas análises que se fam sempre se cai no voluntarismo como soluçom. Há que elaborar um corpus teórico sobre o que agir. Temos que planificar como recuperar a língua. Há que dar passos palpáveis pola normalizaçom. O trabalho das organizaçons de defesa da língua é a olhos vistos insuficiente. Actuam com sinceridade e abnegaçom, mas só a força social junto coa planificaçom lograrám passos qualitativos. Quê é o que temos agora? Nem a lei se fai cumprir. Todo isto deveria fazer-nos reflectir.

Desde as instituiçons avalia-se positivamente a utilizaçom do galego em campos aos que nom chegava e mesmo se fala dum aumento no conhecimento da língua entre a populaçom em geral.

A minha visom nom vem dada por umha postura pesimista senom por umha análise objectiva, com os dados na mam da situaçom da língua. Acredito que caminhamos à reduçom do Galego como língua limitada à transmissom cultural, e para isso dumha cultura académica e subsidiária. Aumenta o conhecimento, mas o declínio na utilizaçom entre a gente nova de cidades e vilas é alarmante. O conjunto do nacionalismo, nas suas distintas variantes políticas, deve esforçar-se por fazer um diagnóstico certo da situaçom e a partir de aí ver os passos a dar.

Desde umha postura reintegracionista parece contraditório falar de unidade dentro do nacionalismo pola defesa da língua. Alguns sectores nacionalistas valoram o reintegracionismo como um factor de debilitaçom e ataque do galego e identificado só com o independentismo.

O reintegracionismo é umha ferramenta mais para a normalizaçom. Quando o conjunto do nacionalismo se convença da necessidade do reintegracionismo terá-se dado um salto qualitativo na situaçom da Galiza. O reintegracionismo lingüístico favorece a auto-estima, rompe com a ideia dumha língua subsidiária do espanhol. Abre-nos as portas a um mundo lingüístico mui amplo, com múltiplas possibilidades nos campos editorial, multimédia... em todos os aspectos das relaçons internacionais. Temos que ter presente que estamos falando dumha comunidade lingüística de muitos milhons de pessoas. A gente que vem de fóra, com um pouco de objectividade, vê-o claramente. Nós parece que seguimos a ver polos olhos dos espanhóis, com um índice muito elevado de colonizaçom.

Mesmo dentro do reintegracionismo existem diferenças...

Se te estás a referir às duas normativas, acho que tanto o padrom galego de AGAL como o português servem para representar gráficamente o galego. Mas utilizo a norma galega e vejo-lhe vantagens para a nossa realidade nacional. Permite que a gente se identifique com o galego como variante nossa dentro do mundo amplo da lusofonia. Mantém as particularidades da Galiza como fai o brasileiro e o português. Tem a virtualidade de fazer ver em Portugal, que nom é que nós queiramos assumir a sua língua como própria, senom que som duas variantes da mesma língua. Isso resulta essencial para umha naçom como Galiza e mui pedagógico para o nosso vizinho Portugal.

Aponta logo alguns dos passos que segundo o teu critério deveria dar o nosso país,nomeadamente o nacionalismo, em todas as suas variantes, como representante mais claro da sua vontade de ser, para a normalizaçom da língua.

A língua nom está a ser o centro do discurso e a prática nacionalista. Nom é prioritária. A sociedade galega e o nacionalismo concretamente, nom estamos à altura das necessidades que tem o idioma. Há umha relaxaçom na militáncia a respeito do monolingüismo. Nom se exige o uso do idioma nas relaçons com outras instáncias ou no próprio trabalho social. Olha, um dado significativo é comprovar de umha parte, a escassa galeguizaçom do ensino, e de outra, que o sector social que representa hoje o nacionalismo segue enviando à essa escola espanholizada as suas crianças sem fazer um mínimo de pressom. O galego precisa dumha urgente acçom de masas na sua defesa. Para isso é necessária umha confluência de todos os sectores políticos, sociais, culturais, desportivos... E isso nom o pode conseguir um só partido nem umha só frente. É precisa da presença do reintegracionismo, nom dum jeito testemunhal senom prático. Penso que essa falta de visom global do país, e a aposta única por umha saída partidária e institucional está impossibilitando, por exemplo, a existência de meios de comunicaçom próprios como um jornal diário. Tendo em conta a massa social que há hoje detrás do nacionalismo deveria ser possível a sua existência, mas seguimos limitando-nos a simples órgaos de expressom.

Apontas umha mudança de rumo que precisaria mais dum golpe de leme.

É muito mais preocupante constatar como se fala dum achegamento a Portugal sem fazer o próprio em política lingüística, mantendo e mesmo potenciando editoras que passando por galegas nom som mais do que filiais de empresas espanholas, correias de trasmissom da ideologia dominante a respeito da língua. Umha mostra dessa visom do galego como algo pintoresco e regional é o papel de mera traduçom que muitas das vezes cumprem estas editoras. Num livro de exercícios de língua editado recentemente, exercício referido ao futebol aparecia ilustrado por umha fotografia dum jogador da selecçom espanhola.

Essa é a razom pola que o teu Manual está editado pola Fundaçom Artábria?

Nom podes esquecer a censura inquisitiva da maioria das editoras na Galiza, que é um facto objectivo a respeito do reintegracionismo. A Fundaçom Artábria é umha experiência inovadora em Ferrol. No fundamental trata de agrupar diferentes sectores sociais, oferecendo infraestruturas e possibilitando um trabalho em comum tendo como eixo fundamental,entre outros, a defesa e normalizaçom da língua nesta cidade. É por isso que quando me oferecêrom a possibilidade de editar o meu Manual nom duvidei.

Sabemos que a finais deste mês de Agosto nascerá a tua primeira filha.Quê futuro desejarias a respeito da língua para a pequena Antela?

Aspiro a que poda ter um pequeno círculo infantil no que poida falar a sua língua com outras crianças, o que, em Ferrol é umha autêntica utopia.

Lupe Cês
14-8-98 Ferrol


Entrevista a Mauricio Castro López. Presidente da Fundaçom Artábria.
Publicada em A Nosa Terra. Agosto de 1998.

___________
--> Leer más...

quinta-feira, 21 de maio de 1998

Mulheres Nacionalistas Galegas celebra Vª Assembleia Nacional

O domingo 28 de junho celebra-se em Compostela a que vai ser a Vª Assembleia Nacional do feminismo independentista. Fai agora três anos celebravam o anterior congresso nacional na cidade de Ferrol.

Valora-se esta juntança, desde M.N.G., como de consolidaçom e madurez dentro das dificuldades que atravesa o feminismo na Galiza.

Co lema FEMINISMO: A REVOLUÇOM SILENCIADA, pretendem dar umha resposta à utilizaçom oportunista e manipuladora que se está a dar desde o poder, da mensagem feminista. Esta manipulaçom concreta-se no lema utilizado desde a administraçom autonómica “A REVOLUCIÓN SILENCIOSA” , para se referir à luita polo direito à igualdade. MNG considera que “semelhante lema é um insulto a todas aquelas mulheres que ao longo da História alzarom a sua voz, mobilizarom os seus corpos e as suas mentes para criar as bases do que hoje se conhece por luita feminista, que para nada é umha luita silenciossa, senom que quer fazer-se escuitar em toda a sociedade, que está em cada berro de cada mulher agredida e assassinada; em cada discriminaçom, exploraçom e subordinaçom que sofremos as mulheres a cotio e que desde as instituiçons querem-se encargar de acalar, manipulando e usurpando a nossa linguagem”.

Para esta assembleia apresenta-se a debate umha só ponência que gira ao redor de três pontos fundamentais. O primeiro é umha pormenorizada valoraçom das distintas organizaçons de mulheres existentes no país. Um segundo ponto analissa as claves nas que se moveu MNG nestes três anos e um derradeiro ponto que propóm cámbios organizativos e de actuaçom baixo o lema “ modos de actuaçom”.

Nom se conta com novidade importantes na eleiçom da Coordenadora Nacional, mas si se tem presente para esta assembleia a necessidade de reforza-la. Os resultados deste encontro faram-se públicos no menor praço pòssível.

Lupe Cês
21 de Maio 1998
Publicado para o nº de Maio do 98 - "A Gralha"
_________________
--> Leer más...

Soma e sigue da luita contra o paro - Maio de 1998

Soma e sigue da luita contra o paro

Na Galiza houvo várias experiências de luita contra o paro. Neste passado mês de Maio várias iniciativas caminhavam na mesma direcçom. Além disso é muito o caminho por percorrer para deixar de falar de 200.000 pessoas em paro.

Na década dos oitenta, na comarca ferrolana, com distintos nomes e em dististas etapas, funcionou um movemento de trabalhadores e trabalhadoras em paro impulsado pola antiga INTG e mais tarde, conjuntamente coa CXTG.

Ao longo de case oito anos, foi-se elaborando umha táboa reivindicativa que tinha como pontos mais interessantes o conseguir a prestaçom económica por desemprego para todas as pessoas em paro, cursos de formaçom ... E outras já conseguidas como as prestaçons médico-farmacéuticas e a exençom de impostos municipais.

Este movimento de luita contra o paro baseava-se na combinaçom da acçom reivindicativa e propostas às instituiçons e organismos com competências no tema.

Entre as acçons que tiverom umha maior proxecçom pública e conseguirom obxectivos concretos, podemos destacar a paralizaçom dumhas oposiçons que o Concelho de ferrol ia celebrar para cubrir duas praças de ordenanzas. Correu o rumor que essas praças estavam adxudicadas e as oposiçons iam ser realmente umha tapadeira. A Assembleia de Trabalhadores e Trabalhadoras em paro, convocou umha assembleia a onde acudirom todas as pessoas que queriam aceder às praças e realizou um sorteio público. O Concelho nom aceptou o resultado de aquel sorteio aludindo que nom era legal. Que só se podia acceder a essas praças por oposiçom. O dia dos exames, a ATP conseguiu que só se apresentassem as duas pessoas que sairam do sorteio. Desse jeito cumpriu-se a vontade da Assembleia.

Cortes de tránsito, feches no Concelho, no INEM, nos locais da ZUR ( Zona de Urgente Industrializaçom), paralissaçom de obras para conseguir reduzir as horas extra e o assinamento de contratos para gente da Assembleia... som algúns dos logros e acçons deste movimento que nunca chegou a ser de carácter nacional. Esmoreceu mesmo quando se intentava organizar umha marcha contra do paro por toda Galiza.

Deste movimento autóctono de luita contra o paro sairom pessoas significadas mais tarde noutras organizaçons e movimentos com releváncia no país. Estamos a falar de Ignácio Martínez Orero que o impulsava desde o seu posto de direcçom na INTG , e os membros da Assembleia: Manuel Chao Dobarro, Jaime Castro Leal, Carlos Longa, e o veterano Tono.

Ainda que a história desses anos, coas suas batalhas e vitórias está por escrever, pode-nos dar um pouco de luz em quanto ao movimento que neste passado mes de Maio abandeirou a luita contra o paro.

A reivindicaçom da jornada das 35 horas como umha das soluçons reais ao problema do paro, foi nas manifestaçons do Primeiro de Maio, consigna de primeira orde. Nos casos de CCOO e UGT, umha consigna oportunista dado que vinham de assinar coa Xunta de Fraga e Ramilo uns acordos onde a primeira cláusula exigida pola patronal para sentar-se a negociar, foi precisamente nom tocar a reduçom de jornada.

Centrada básicamente na zona de Vigo e impulsada ou simplesmente assinada, segundo se valore, pola CIG e a CGT, levou-se adiante umha campanha contra o paro que tivo na manifestaçom celebrada o dia 9 de Maio o seu ponto mais álgido. Concertos com grupos de alto ranking em ambientes alternativos como e umha marcha Vigo-Compostela, completavam umha primeira semana de Maio que levava aos meios de comunicaçom um dos primeiros problemas do país: contar com umha das tasas de desemprego mais altas de Europa.

Que essa tasa de desemprego afecta ao 40% da mocidade tem-no bem claro a Assembleia da Mocidade Independentista. Esta organizaçom juvenil veu desenvolvendo umha campanha paralela às que já marcamos com anterioridade, apontando no seu obxectivo contra das Empresas de Trabalho Temporal. As ETT segundo esta orrganizaçom supoem os níveis mais altos de exploraçom por quanto ficam com mais do 30% do salário e consolidam o trabalho em precário e sem coberturas sociais.

O passado 16 de Maio celebravam umha manifestaçom em Vigo como remate dumha campanha básicamente propagandistica e com algúm feche em ETTs de Compostela.

Nestas páginas de Gralha temos analisado com anterioridade quais seriam os pontos mínimos para conseguir que um problema estructural como é o do paro, deixa-se de se-lo nas dimenssons que acada na actualidade. Compre hoje utilizar estas líneas para fazer umha valoraçom do que significam estas mobilizaçons.

Antes mencionavamos aos sindicatos espanhios e os seus acordos sobre emprego co PP de Fraga. Agora só lembrar as loubanças vertidas polas direcçons de CCOO e UGT ao cumprir-se um ano da Reforma Laboral. Os espanhois tenhem polas suas contas 2.000.000 milhons de parados e paradas. Todo um exército de reserva de mao de obra. Quem se poida felizitar por isso, nom precisa de comentário. Mas que pasa no nosso país. As mobilizaçons de Maio, coa presença da CGT, forom algo mais que o eco que veu de Francia? Por outra banda, umha organizaçom da mocidade pode gerar por si mesma umha dinámica de luita contra do paro que obtenha transformaçons reais? A luita contra do paro é um problema dos parados e paradas e se nom se mobilizam é a sua responsabilidade? É um problema meramente sindical?...

Desde logo, um problema estructural da importáncia do desemprego, nom pode atopar soluçom nem agentes activos que as procurem, num só sector social nem muito menos numha só organizaçom. Nom pode ser um calco mimético dos ars que circulem por Europa.

Desde a humildade destas páginas nom nos cansamos de valorar a necessidade dum grande pacto nacional de luita contra o paro. Um pacto de “ medidas e acçom”, que busque os pontos de encontro onde confluam os interesses inmediatos da populaçom ocupada e da desempregada, um pacto que conte coa mocidade e coas mulheres, como sectores mais desfavorecidos no mercado laboral; um pacto que arrinque das instituiçons prevalecedoras das teorias neo-liberalistas, um novo marco de coberturas sociais e do reparto do trabalho e a riqueça.

Lupe Cês. 21 de Maio de 1998.

Publicado no periódico "A Gralha"
________________
--> Leer más...

quarta-feira, 13 de maio de 1998

Entrevista a Leandro Lamas - Maio 1998

Pintura, escenografia, debujo, muralismo... som ideias, maos, pinceis, postos no País. Gente nova que trae novos folgos. Que nom conta com masters, ajudas, bolsas e apoios oficiais. Gente que sabe de que lado pinta.

Tem 25 anos, estudou delineaçom e quando dí que é natural da parróquia de Ferrerias , do Concelho de Narom, fai-no com certa fachenda e os olhos cheios de picardía. Leandro Lamas Ermida é pintor e algo mais, como puidemos comprovar ao longo dumha entrevista informal que derivou em conversa sobre os mais variados temas, entre o barulho da cafeteria dum centro cultural onde Leandro acude a receber aulas de pandeireta.

-É que umha vez que começas a debujar vès cada vez com mais nitidez que todo está interrelacionado e umha cousa vai-te levando a outra. O do teatro é um ejemplo claro, porque quando vês um escenário é como se estivesses vendo um quadro.

Leandro leva tempo colaborando co grupo de teatro “ Castelo de Moeche” Agora mesmo estám pendentes do estreo dumha obra de Roberto Vidal Bolanho “Ledainhas pola morte do Meco”, que vai contar cum vestiario moi especial

-É roupa reciclada. Aproveitamos roupa já usada e materiais de refugalho, logo os pinceis e a pintura fixerom o resto. Sim, eu também interpreto um papel na obra. Como vès , sempre há um paralelismo em todos os aspectos artísticos.

Às vezes se confunde com el o papel de entrevistado e entrevistadora. É de poucas palavras. Mas estas fluem com facilidade quando se lhe pregunta polos seus começos.

-Na escola pública Ponte de Jubia, tivem a sorte de contar cum mestre que me ajudou a descubrir já de moi pequeno que eu gostava de aquilo de debujar e pintar. Logo comecei com banda desenhada. Tenho criado umha persoagem chamada Balbino, que penso seguir mantendo inédito, porque se trata dum velho moi bravo. Logo comecei coa pintura e o muralismo. A banda desenhada segoa trabalhando. Colaborei coa Asociaçom Reintegracionista Artábria na publicaçom “História da Galiza” . Muitas hora me levou! Comecei fazendo líneas e quando me dim conta havía que fazer líneas e líneas por todas partes.

Agora chega o momento de perguntar polas fontes , a técnica, o estilo....

-Tenho muito de auto-didacta. Assistim a aulas de Xaquim Marim. Aprendim muito alí. Ainda que foi mais o que aprendim das longas parrafadas que nos botavamos, que a técnica propriamente dita. Maside, Seoane, Díaz Pardo... som se se pode dizer desse jeito as minhas fontes. O meu estilo está em evoluçom, penso que simplifiquei bastante as minhas realizaçons. Agora umhas quantas líneas som as que dirigem todo o conjunto. Já sabes, cores vivos, lineas onduladas, rostros expresivos...

Leandro é conscente de que a sua arte pertence a este país. Sabe que por isso sempre se corre o risco de ser ou nom ser sentido e comprendido além destas paixages onde os seus murais aparecem mais vivos e à vez como um elemento mais que solprende até o ponto de nom percever como poderia ficar antes aquel muro , espido , sem a vida das pessoagens que Leandro tem deitado já em mais de seis edificios públicos da comarca àrtabra. O derradeiro, no salom de actos do sindicato CIG.

-O trabalho como muralista é interesante para o entorno. É um trabalho moi lucido. Um jeito único que tenho de compartilha-lo com muita gente, faze-lo público e para desfrute de todo o mundo. Ademais há muitas paredes que pintar....

Sabe da necessidade da promoçom. Pretende viver disto porque é do que gosta. Fala de gente nova coma el : Carlos Sardinha, Ladis... Aspira a que a arte plástica acade a energia que tem neste momento a música inspirada na tradiçom galega. Que se crie co tempo um movemento de gente nova, com novas ideias e estilos. Circuitos por onde a arte se consuma como a música, com cerveja ou copo de vinho se fai falta. Toca-lhe falar dos proxectos.

-Quero que a inauguraçom da exposiçom de junho na sá Sargadelos seja umha festa. Por isso vai tocar o grupo Cachimonia , de Neda.

Um grupo também de gente nova, que ponherá a marcha numha exposiçom onde no meio dos óleos apareceram os mais significativos pessoagens da mitologia galega: meigas, trasnos, fadas...

-Estou trabalhando na ilustraçom dum conto infantil, da autoria de Pepablo, co que sempre ando compartilhando cousas... Sim, colaboro com distintas organizaçons alternativas da comarca. Gosto de ver a utilidade do que fago. Som consciente de que se fosse doutro jeito nom pintaria assim.

Nalgumha romaria, na rua, numha praça pública ou em muitos locais desta comarca podemo-nos cruzar com camisetas, postais, cartaces... que com um lema reivindicativo , de denúncia ou solidário, vam indistintamente proclamando o nome do seu autor. Coas suas formas, coas suas cores, cos seus enormes olhos ... som de Leandro.

Lupe Cês
13 de Maio de 1998

Publicada no periódico "A Nosa Terra"
________________
--> Leer más...

sábado, 21 de fevereiro de 1998

... Mulheres assassinadas ... A ponta dum grande iceberg

Segundo dados do Ministério do Interior e do Instituto da Mulher espanhol, na Galiza morrérom no ano 97 ..... mulheres a maos dos seus companheiros e homes. Esta ponta corresponde-se cum grande iceberg que arrastra um saldo de miles de mulheres que cada dia sofrem a violência de género.

Na Galiza, segundo essas mesmas fontes passou-se de 760 denúncias por maos tratos no ano 89, a 928 no ano 96. Esta variaçom nom é muito significativa se se tem em conta que só representa ao redor dum 10% das agressons reais. Se nos fiamos da mesma fonte (Instituto da Mulher), o 51% das mulheres que convivem em parelha cum home, sofrem algúm tipo de maltrato físico ou psíquico.

A violência dos homes contra das mulheres, a violência de género, nom é umha realidade de agora, ainda que na sociedade mediática na que vivemos, nom existe nada que nom saia na televisom. E nos últimos meses, a raíz da apariçom, num programa de Canal Sur, dumha mulher relatando o inferno no que levava vivendo case 40 anos, e que posteriormente foi brutalmente assassinada polo home com o que um juiz obrigou-na, depois de repetidas denúncias, a compartir vivenda, a violência de género já existe!

Reconhecer a existência da violência sexista é como abrir a "Caixa de Pandora". Desde os poderes públicos vem-se na obriga de dar resposta a umha realidade que estava aí, mas que nunca interesou a ninguém, a nom ser às feministas. Mesmo Alvarez Cascos, há moi poucas semanas, asegurava que se tratava de feitos isolados fruto de mentes enfermas.

Dizemos que mentar, mesmo reflexionar sobre a violência de género nos meios de comunicaçom ou nos parlamentos, está traendo a mais de um de cabeça. Já se empezam a escoitar vozes que recomendam nom airear muito este tema porque a publicaçom continuada de informaçons sobre este tipo de actos pode produzir um "efecto mimético".

O ministro espanhol de Trabalho e Asuntos Sociais, Javier Arenas, assinava há uns dias um convénio de colaboraçom com o Conselho Geral do Poder Judicial para umhas jornadas sobre este tema, e o presidente do CGPJ, asegura que está elaborando umhas conclussons dumhas jornadas celebradas em Dezembro, para formular umhas "sugerências". Estám pilhados. Este tema é como umha pataca quente. Um pouco que se aprofundice nel e saltam em mil anacos todo o corpo legislativo, a política judicial, a política social, económica e educativa de qualquer governo.

Javier Arenas fai chamados constantes a que as mulheres denúnciem os maos tratos, e as mulheres vam e se lhe morrem assassinadas logo de repetidas denúncias! O CGPJ anda em jornadas, reflexons e sugerências, e as mulheres vam e se lhes morrem assassinadas baixo umhas sentenças que as obriga a permanecer perto dos seus agressores! E nom pidem papas. Agora pretendem respostar às grandes mobilizaçons do mês de Março aprovando um pacote de medidas que nom só nom ponhem o dedo nas causas da violência, senom que nem sequera recolhem aquelas medidas imediatas que as organizaçons de mulheres venhem reclamando ao longo dos anos.
As casas de acolhida som, entre outras cousas, o dedo acusador que indica que as agressons às mulheres som o único delito polo que a primeira que paga é a vítima e o seu entorno familiar. A figura do afastamento nom se aplica e como se já nom fosse pouco aturar os maos tratos físicos e psíquicos, as mulheres ham de colher o pouco que podam levar, em muitas ocassons o posto (mais "cargas familiares"), e buscar acobilho alí onde lhe podam dar a protecçom que nem na sua própria casa, nem no trabalho, nem na rua tenhem.

As organizaçons de mulheres e feministas um ano mais, ocuparám as ruas reivindicando e denunciando sobre este tema. Um tema sobre o que case todo o mundo tem esperiência, as mulheres como vítimas, muitos homes como maltratadores, como cómplices ou observadores sem implicaçom. Mas um tema ampliamente desconhecido para a maioria, nas suas raizes e causas, e mesmo nas suaa distintas manifestaçons. Umha prova de-lo é a cantidade de tópicos que circulam entre a gente mais nova (a gente nom tam nova já o viveu assim de "natural") e que nos fam pensar que as cousas nesse aspecto nom variárom tanto como se pensa. Mesmo a cantidade de agressons e actitudes violentas dos moços diante das moças segue a ser moeda em circulaçom.

Um dos tópicos mais difíceis de desmontar é o que asume que a mulher que tem independência económica sofre maos tratos porque quer, por simples "masoquismo". O terror existe, e funciona. E por se fosse pouco ter que sobre-por-se ao medo, nom há lugar seguro para a mulher agredida. As forças de orde, o Sr. Diz Guedes e demais responsáveis da seguridade, andam demasiado ocupados controlando, listando e reprimindo as mobilizaçons e movimentos sociais. Nom tenhem tempo de asegurar os direitos fundamentais das mulheres, mesmo se se trata do direito à vida. E por se fosse pouco o terror e a falta de protecçom, há que reconstruir-se, porque a violência sistemática rompe, destrue a autoestima, a capacidade de reflexom, a capacidade de decidir, a capacidade de amar e ilusionar-se.

Outra prova do desconhecemento real que existe sobre esta realidade consistiria em perguntar às pessoas que tenhem responsabilidades ou militança activa nas organizaçons de esquerdas, e polo tanto supostamente interessadas numha sociedade igualitária e justa, sobre as causas da violência de género e as medidas para supera-la. Falamos só das organizaçons progresistas, porque as conservadoras, botando mao à orelha, diriam simplesmente " violência de...?", e toda a elite do PP, mulheres incluidas, fecham filas detrás da velha consigna "Família, Pátria, Município e Sindicato" (cámbiesse o de sindicato por partido e nem pensar no adjectivo de galega!) ante sucessos como o do escote, as declaraçons de Cascos ou às críticas às medidas que vam aprovar em Março contra da violência de género.

E a prova de lume da importáncia que as administraçons dam a este tema passa polo dinheiro. Quando se fala das autovias fala-se em miles de milhons; quando se fala de quota láctea e mesmo de supertasas, concretam-se as cifras. Pois bem, as mulheres nom estamos recolhidas nos investimentos, polo tanto, qualquer iniciativa, medida ou programa que se aprove sem colocar os correspondentes zeros, nom passa de mera declaraçom de intençons, acçons isoladas e polo tanto inúteis, ante um fenómeno social cumhas causas estructurais profundas e com expressons em todos os ámbitos sociais. Ainda bem que as mulheres caminhamos!

Ferrol, Fevereiro de 1998

Assinado.-
Lupe Cês Rioboo
_________________
--> Leer más...

segunda-feira, 20 de outubro de 1997

Conversa com Bea Doldám: A face próxima da dispersom - Outubro de 1997

A face próxima da dispersom

Beatriz Doldán Theodosio, Bea para a gente mais achegada, leva seis anos visitando os cárceres de Córdoba e Jaén umha vez ao mês. Alí atopam-se recluidos os presos independentistas Javeir Filgueira e Carlos Deive. Falar com ela, escoita-la, é conhezer a realidade da dispersom de independentistas nos cárceres espanhois.

Mira directamente aos olhos, com palavras sencilhas. Na face debuxa o seu entusiasmo polo seu trabalho numha oficina de informaçom juvenil: "gosto do contacto co público, conheces muitas realidades e aprendes todos os dias; a mocidade, por ejemplo, para muita gente é a grande desconhecida". Só quando fala da dispersom, dos cárceres ... um pequeno movimento do lábio inferior revela a emoçom que vai por dentro.

Bea, levas seis anos viajando mil quilómetros umha vez ao mès para visitar dous cárceres.

A quem vou visitar é a dous presos independentistas, Javier e Deive, que estám em Jaén e Córdoba respectivamente. Levam oito anos em cárceres espanhois, seis anos a mais de 1.100 quilómetros da Terra. A política de dispersom que mantém a sete independentistas em cárceres fora da Galiza, nom tem trazas de cambiar co actual Governo do PP. O traslado de Inácio Martínez Orero a Valladolid é umha mostra recente dessa vontade política. Mesmo pode ser que quando se publique esta entrevista, Oliva Rodrigues e Suso Irago que se atopam em Corunha, sejam já dous nomes mais a engadir à dispersom. Por isso digo que a tua pregunta nom é exacta ( sorrí ), nom vou visitar cárceres, vou visitar a dous galegos que mesmo poderiam estar em Puerto de Santa Maria, Ceuta, Melilla, Canarias... ou a onde os levasse a dispersom.

Dous mil quilómetros numha fim de semana nom dá para entreter-se muito coa paisagem...

Pois mira, saio de A Corunha às nove da noite e estou de regresso o luns às nove menos dez, co tempo justo para entrar ao trabalho. O custe da viagem é de 40.000 pesetas, sem incluir a comida onde sempre podes amanhar doutro jeito, com cousas da casa, ou pasando a bocatas... Jaén é umha cidade moi dura, Córdoba é mais hospitalária. Alí, em Jaén sempre tês presente que estás fora da Terra. Suponho que tem que ver com que é umha cidade de terratenientes, cumha Academia de Guardia Civil e um macro cárcere no que devém em postos de trabalho, serviços e negócios relacionados com tudo isto. Córdoba é diferente, mesmo o cárcere é o típico "provincial" meio em ruinas, onde a pressom da prisom nom é tam forte. Digo tamém o de Jaén polo jeito no que se sinte alí o nacionalismo espanhol, agressivo para todo o que signifique independentismo. Mesmo eu tenho problemas para reservar alojamento. Umha noite chegarom a erguer-me da cama dum hotel às doze e meia da noite, "recomendando-me" que nom volvesse reservar alí.

O cárcere de Jaén sendo de máxima seguridade nom parece moi seguro para a povoaçom reclusa.

Um dado que dá umha ideia real do que é Jaén é que no ano 96 morrerom seis presos, um deles dos calificados FIES. As causas de falecemento som o "suicidio".Sabes que a calificaçom de FIES é totalmente alegal. Aplicase-lhe a todos aqueles presos e presas considerados de perigo para a cadea. Na práctica estase-lhe aplicando às pessoas mais reivindicativas que nom se deijam dobregar polo sistema penitenciário e às presas e presos políticos. Estes Ficheiros Internos de Especial Seguimento tenhem umhas condiçons moi duras nos cárceres, com ailhamentos, intervençons da correspondência e as comunicaçons; registros e cacheios mesmo à noite... Um destes seis moços que morrerom o ano pasado em Jaén, levava desde que o trasladaram, em ailhamento. Vinha castigado doutra prisom por pegar umha patada a um funcionário. Outros presos escoitavam como lhe pegavam a diário, logo apareceu aforcado. Som pessoas que nom tenhem direitos. O cárcere sempre é inumano. Jaén é a perfeiçom dessa política penitenciária. Javier junto cuns prisioneiros vascos , levam mais dum ano no módulo de ailhamento. A disculpa para leva-los alí foi o ter que fazer obras no módulo que ocupavam. Javier é o único independentista em prissom que está clasificado na actualidade em primeiro grao, que é o regime mais duro de cumprimento. Isso é Jaén e como castiga um comportamento coerente no cárcere. Soma-lhe agora os dous mil quilómetros para umha visita de 40 minutos ou um vis a vis dumha hora.

Ti pertences a umha organizaçom anti-represiva, CAR, quais som para ti as coordenadas polas que se deve mover a política anti-represiva no país.

O país está a sofrer umha vaga represiva que tem como obxectivo frear a resposta popular ante a desfeita da política neo-liberal aplicada polo PP tanto desde o Governo do Estado como desde a instituçom autonómica capitaneada por Fraga. Daí a popularidade em negativo de persoajes como Diz Guedes. A represom se centra nas mobilizaçons na rua, nas luitas sindicais, na mocidade, nacionalistas... e a represom contra das organizaçons independentistas, mesmo estas últimas detençons podem situar-se dentro da mesma linea de actuaçom do poder espanhol. As organizaçons anti-represivas CAR e JUGA nom fomos criadas em principio para dar apoios, informaçom e respostas a este tipo de represom tam geralizada. Os meios som poucos e a experiência acumulada insuficiente. A nossa raçom de existir é, hoje por hoje, a existência nos cárceres de pessoas independentistas presas pola sua vinculaçom co que significou a actividade armada do Egpgc. Qualquera passo que rompa co impasse no que nos atopamos passa por umha unidade de acçom e de estratégias. Aos presos e presas hai que trae-los ao País. Temos que pôr fim entre todos e todas a esta situaçom de condea engadida para as pessoas presas e para as suas familias e amizades. As diferências que poida haver entre Juga e Car tenhem que passar a um segundo plano. O independentismo assim no-lo está a reclamar. É certo que houvo abandonos da organizaçom armada, mas nom dos postulados independentistas nem claudicaçom ante o poder espanhol; houvo distintas análises políticas e erros polas duas partes. Neste momento e sobre todo sem actividade armada desde o ano 91, penso que cumpre um esforço unificador das duas organizaçons que representamos a este coleitivo de galegos e galegas que padecem a face mais agresiva do Estado espanhol, para conseguir a sua liberdade.

19-10-1997
Lupe Ces
_________________
--> Leer más...