terça-feira, 14 de novembro de 2000

Entrevista de Rosa Aneiros en Tempos Novos: "Agora é cando comezamos a marchar" - Novembro de 2000

Rosa Aneiros -Tempos Novos-

"Agora é cando comezamos a marchar"

[13/11/2000 12:57] Lupe Ces Rioboo ten ollada rebuldeira e mans curtidas de quen calceta con horas de sono e innumerables reunións un pensamento anticapitalista e feminista que algúns cualificarían de utópico a estas alturas de século. Ela acudiu a Estados Unidos como representante da Coordenadora Nacional Galega na delegación política internacional da Marcha Mundial da Muller 2000, formada polas máis de duascentas mulleres que se reuniron o día 16 de outubro en Nova York cos líderes do F.M.I., B.M. e ONU. Rosa Aneiros entrevístaa para Tempos neste mes que dedicamos ás reivindicacións da muller galega, tan a miúdo silenciadas.

Se a Fedération des Femmes du Québec constituiu a agulla que enfiou o feminismo mundial, ela bordou o branco, azul e vermello no gran tecido do movemento feminista planetario con agulla de terra abandonada e mar sangrante arrastrada dende esta beira do Atlántico. Mestra, nai, militante de Mulleres Nacionalistas Galegas dende o momento da súa fundación en 1986 e unha das súas máis activas compoñentes, Lupe Ces é, ante todo, muller. Lupe di que cando na ringleira humana que carrexaba as cartas de apoio en Nova York sentiu sobre a súa cabeza os paquetes coas sinaturas das galegas, perfectamente sinalizadas, o corazón deulle un chimpo. Como llo deu cando a muller afgana quitou o veo ante a ONU ou a de Serbia reclamou o seu dereito a un cacho de terras sen minas. Ela levaba á Marcha Mundial da Muller a mensaxe das mariñeiras, das emigrantes, das labregas, das estudiantes... a reivindicación das galegas todas e como tal actuou, facéndose escoitar nos grandes centros do poder mundial onde os rañaceos nunca tanxen o paraíso.

-A túa presencia en Nova York tivo un gran significado como representante das mulleres galegas cando cáseque tódalas integrantes da Delegación Política Internacional ían como coordenadoras de Estados.

-Si o tivo e moito pero había máis mulleres de pobos sen estado como as do Kurdistán, Palestina, Chipre e as propias organizadoras, as mulleres do Québec. Nembargantes, despois de ver tódalas posibilidades organizativas que teñen, como se moven para organizar un evento de tales características, cáseque poderiamos referinos ás do Québec como as do primeiro estado matriarcal do mundo e non dunha nación sen estado. O poder de convocatoria, o poder para abrir as portas a nivel internacional ó movemento de mulleres foi realmente espectacular. Hoxe son en realidade as líderes do movemento feminista mundial e como tales quedaron corroboradas na marcha.

-De feito, a idea da marcha xurdiu delas

-A Marcha comezou trala celebración da Marcha das Mulleres contra a Pobreza en 1995. Organizouna a Fedération des Femmes du Québec, unha organización na que están moitos colectivos feministas e incluso mulleres a título individual como participantes. Unha muller do Senegal definiuno moi ben o día da avaliación final. Ela dixo que as mulleres do Québec foran a agulla que conseguira enfiar o fío para tecer o novo movemento feminista mundial. O feito de pertenceren a una nación sen estado non foi dende logo un atranco para eles á hora de teren una presencia mundial.

- ¿Cantas mulleres erades nas Marchas de Washington e Nova York? En Bruxelas houbo quen falou de cen mil mulleres?

-Sei que eran 20.000 en Washington e máis aínda en Nova York pero non che podo falar de cifras. Aparte, as cifras non son tan significativas senón a presencia efectiva alí de mulleres de todo o mundo. Había mulleres asiáticas, sudamericanas, africanas, australianas, europeas.... mulleres indíxenas, do mundo máis e menos desenvolvido, de manifestacións absolutamente dispares, na maneira de vestir, de falar, mesmo de elaborar as faixas das consignas. Dende as máis occidentais ós bastidores das africanas, ós vestidos bordados a man das africanas, ós telares das do Nepal. Coido que a verdadeira forza estaba aí, en que representabamos as mulleres de absolutamente todo o mundo. Foron manifestacións masivas e cheas de colorido. En Nova York, as mulleres da delegación política levamos as sinaturas de apoio, máis de catro millóns e medio de todo o mundo. Daquela foi moi emocionante porque a min tocáronme varias caixas galegas.

-Ademais das concentracións, a delegación política internacional reuniuse cos representantes do F.M.I. o B.M. e a ONU

- A compañeira que representaba a Colombia referiase a estas institucións como templos do poder patriarcal no mundo. Ela valoraba que poder entrar alí, nos seus templos e denunciar cara a cara a situación lamentable da muller no mundo era unha pisada fundamental. Que a nosa voz empezase a facer tremar as paredes deses templos para nós foi un adianto básico.

En primeiro lugar tivemos unha entrevista con sr. James Wolfensohn, presidente do Banco Mundial. Nós fómoslle dicir claramente e sen reviravoltas que eles son os culpables da situación de pobreza e desigualdade do mundo. Fomos recibidas na entrevista cun ton claramente paternalista e chegou a dicirnos que non coñeciamos os programas do B.M., que non os liamos con espírito constructivo.

-¿E cales foron as reivindicacións que lle formulastes?

Unha a unha das compañeiras que tomaron a palabra ían analizando as consecuencias que teñen as súas liñas programáticas e as perversas e devastadoras consecuencias da súa política neoliberal. E deixámoslles claras as nosas reivindicacións: anulación da débeda ós países menos desenvolvidos, a paralización total dos programas de reaxuste estructural, unha nova elaboración da política económica mundial tendo en conta a visión de xénero e un apoio económico mundial real ás mulleres para garantir a súa calidade de vida. Este señor, ademais de dicirnos que non tiñamos nin idea, que non coñeciamos os programas (referíndose claro está a estes pequenos programas colaterais de axudas a algúns países), indignouse porque estiveramos cuestionando a política económica mundial.

- Profundo desacordo de pareceres, entón...

Pareceulle unha inmoralidade horrible que non foramos pedir unhas migallas nin unhas pequenos programas de axuda senón cuestionar de arriba a baixo toda a súa política. Recoñeceu finalmente o seu profundo desacordo para connosco, algo que a nós resultounos bastante satisfactorio. El pretendía establecer un diálogo constructivo pero ese non era o noso cometido. Nós non queremos debate nin diálogo cun organismo que, ademais, non é democrático, ninguén fiscaliza as súas accións e se amparan nun secretismo total, o que se denomina secreto bancario para ocultar cales son os acordos asinados polos distintos países co FMI e o BM. O obxectivo da reunión era dicirllo na cara, claramente e con cifras, denuncialo e, ademais, que estes programas son os sustentos directos do aumento da violencia que sufrimos as mulleres en todo o mundo.

-No Fondo Monetario Internacional as cousas non deberon ser moi distintas

-A entrevista co líder do F.M.I., M. Horst Kohler non partiu dese paternalismo inicial. Era un home moito máis duro, máis férreo, un neoliberal convencido, é máis, dubidaba fondamente que houbera algunha alternativa económica diferente ó neoliberalismo, que se puidese concebir a economía dende algunha outra óptica. Chegounos a dicir que o cerne da pobreza estaba na corrupción dos propios gobernos, que nós o que tiñamos que facer era volver ás nosas casas e dicirlles ós nosos gobernos o corruptos e o mal que o estaban facendo pero que as directrices xerais que emanaban do Fondo Monetario eran as correctas, que eles non tiñan a culpa de que as axudas foran desviadas etc.

-A vosa resposta, unha vez máis volveu ser tallante...

O noso papel non era discutir o papel dos nosos gobernos, que iso xa o faciamos no noso día a día como militantes, o que lle dixemos é que realmente eles son os culpables disto porque, ademais, se calquera goberno do mundo quere escapar das directrices económicas que deles emanan vense arrastrados e atados por problemas de bloqueos, presións políticas e económicas e demais. Exemplos sobran. O fundamental para nós é, ademais, a anulación da débeda externa. Saímos moi satisfeitas desta reunión porque queriamos unha resposta e conseguímolo: a súa resposta foi atrincheirarse nos seus posicionamentos, botar a pelota no tellado dos distintos gobernos acusándoos de corrupción e lavándose eles as mans.

-Unha das grandes esperanzas da Marcha estaba na xuntanza coa ONU, ¿conseguistes ser recibidas por Kofi Annan?

Confiabamos en que Kofi Annan puidese recibirnos pero mor da súa estadía en Exipto coas negociacións de paz arabe-israelís isto non foi posible e no seu lugar apareceu a Secretaria Xeral, Madame Frechette, e a vicepresidenta xeral, Mme King (responsable ademais de temas da muller e do seguimento da aplicación do Foro de Beijing). De anfitrión estaba o Embaixador de Canadá, cousa que agradecemos ó estado canadiano xa que nos facilitou a entrada na ONU tomándoo como asunto de Estado. Francoise David, presidenta da Fedération des Femmes de Québec, tomou a palabra e quedou consolidada como a líder do feminismo mundial, do rexurdimento do movemento feminista e como tal pasará a Historia, sen dúbida.

¿Cales foron as peticións concretas de cada unha das representantes?

Logo foron intervindo unha a unha as representantes da marcha analizando polo miúdo tódalas reivindicacións que levabamos no peto. Terri Brown (representante das mulleres índíxenas) falou das consecuencias para os pobos indíxenas da ocupación e colonización das súas terras polas grandes multinacionais; Touriya Lahrech de Marrocos presentou a proposta da creación dun Consello Económico Mundial que redefina as normas económicas e financeiras que remate co secretismo bancario e faga posible a distribución da riqueza; Latifa Rijal Ibraimo, de Mozambique fixo un relatorio da situación de violencia que sofren as mulleres; Shashi Sail, da India, aprofundou nas responsabilidades do neocapitalismo patriarcal para a violencia de xénero; Rosa Guillén, do Perú, centrouse na necesidade de garantir a liberdade sexual de cadaquén... pouco a pouco todas foron avaliando e pondo riba da mesa tódalas nosas peticións e denuncias.

Os momentos máis emotivos viñeron da man das mulleres representantes dos países en conflicto. ..

Mulleres do Kurdistán, de Palestina, Colombia e Serbia acusaron á ONU de non pór fin á situación bélica dos seus pobos e as consecuencias sociais que están a ter as masacres indiscriminadas. Con todo, o momento cumio veu cando falou a representante afgana. Comezou dicindo “señores, infrinxín unha lei do meu país ó estar nun lugar público por estar sen un acompañante masculino e vou cometer outro delito máis”. Daquela quitou o veo que a cubría e todas botamos a aplaudir e chorar vendo o moito que iso significaba para ela e a profundidade das súas denuncias. A conclusión final púxoa Francoise David advertindo claramente do potencial de ira das mulleres, ira que considerou normal e lexítima dada a situación de violencia e pobreza do mundo. Mm. King só puido convidar ás mulleres a colaborar coa ONU a desenvolver os proxectos existentes dentro do marco de Beijing. Saímos dalí un pouco decepcionadas porque despois dos testemuños tan importantes e cifras de dor que levabamos, as representantes puideran facer unha defensa acérrima da globalización e a súa impotencia.

Publicada en "Tempos Novos" reproduzida em " Vieiros"
______________

Nenhum comentário: